A serie “Rapa” chega a San Sadurniño

0

Van xa varias semanas de rodaxe por distintos puntos da comarca e, tal e como se anunciara hai algún tempo, a serie “Rapa” -dirixida por Jorge Coira e protagonizada por Javier Cámara e Mónica López- tamén utilizará escenarios de San Sadurniño para a gravación dalgunhas das súas secuencias. O equipo de Portocabo empezará este venres a mover e instalar material, de cara telo listo todo para unha rodaxe que se desenvolverá ao longo da xornada do luns -de 7 da mañá a 8 do serán- en tres espazos concretos, case todos interiores: o salón de plenos do Concello, a Casa da Cultura, e o antigo Cine Avenida, hoxe café-bar DZINE. Por mor da rodaxe haberá varios puntos da zona urbana onde se prohibirá aparcar desde a noite do domingo e, ademais, ao longo do luns poden producirse cortes do tráfico intermitentes en Marqués de Figueroa. 

As restricións ao aparcamento de vehículos abranguerán desde as 22:00h do domingo 21 de novembro até as 22:00h do luns 22. O Concello colocará barreiras e cintas de sinalización nos seguintes puntos:

  • Nas beirarrúas de ambas marxes de Marqués de Figueroa no tramo comprendido ao longo da parte dianteira do colexio público. As familias que acudan o luns levar ou recoller a rapazada deberán utilizar como estacionamento alternativo o campo do bispado onde se desenvolve a Feira da Plantación ou as beiras da avenida desde o colexio até o edificio Villa de la Tranquilidad. Desde a produtora apuntan, ademais, que diante de DZINE poden producirse cortes intermitentes do tráfico que, en calquera caso, serán duns dous ou tres minutos de duración como máximo.
  • Tamén quedará prohibido aparcar na rúa da Casa da Cultura e o Centro de Saúde. Ademais tamén quedou reservada para o equipo de rodaxe a zona de estacionamento que hai diante do cemiterio. As persoas que vaian ao médico deberán deixar o coche en Marqués de Figueroa, aínda que se permitirá o paso de vehículos para baixar a quen teña mobilidade reducida. Sobra dicir que tamén poderán acceder ambulancias e calquera emerxencia.
  • O terceiro punto que terá prohibición de estacionamento é a marxe dereita da AC-862 en sentido Ortigueira, concretamente desde o Centro de Día até diante de Correos, de maneira que a clientela habitual do café Del Palacio e quen vaia facer xestións ao Concello deberá deixar o coche no aparcadoiro do Centro Municipal de Empresas ou na outra banda da estrada.

Ademais destas zonas onde estará prohibido estacionar, o equipo de produción da serie tamén ocupará durante o día outros espazos. Así, as carpas para o catering situaranse na praza do antigo Concello e os camións con material tamén se distribuirán por un dos laterais e a parte traseira do pazo (dentro dos xardíns).

Os emprazamentos de filmación serán a Sala DZINE -sobre todo o recinto do antigo Cine Avenida-, o patio do Concello e o salón de plenos e a Casa da Cultura. Neste último emprazamento a produtora sinala que a gravación se fará en interiores e tamén no acceso exterior.

Alén destas cuestións, o que seguramente moita xente se estará preguntando é se van poder ver a Javier Cámara, a Mónica García,  Lucía Veiga, Eva Varela, Toni Salgado, Berta Ojea, Iria Sobrado, Tito Asorey, Ricardo Barreiro, Mabel Rivera… e outras actrices e actores ben coñecidos que participan nesta grande aposta de Movistar+ para a próxima temporada.

A esa cuestión non podemos respostar polo momento, xa que a produtora non desvelou que partes da historia se filmarán en San Sadurniño nin tampouco quen as interpretan, aínda que non sería raro que parte do elenco se deixe ver polas zonas de rodaxe entre toma e toma.

Neste sentido, desde o Concello prégase a máxima colaboración -e comprensión- veciñal para facilitar o labor do equipo de filmación, respectando as zonas delimitadas e deixando libres xa desde o domingo os tramos con prohibición de aparcar.

Planos:

ESTACIONAMENTO_RESTRINXIDO biss

En Marqués de Figueroa poden producirse cortes de tráfico intermitentes

 

ESTACIONAMENTO_RESTRINXIDO 2

O acceso ao Centro de Saúde estará permitido, pero non se poderá aparcar na zona marcada en vermello

 

ESTACIONAMENTO_RESTRINXIDO 3

Tampouco se poderá estacionar desde o Centro de Día ata Correos. Pode utilizarse o estacionamento do Centro Municipal de Empresas

Share.