A ruta BTT nocturna e unha exhibición de rugby, últimos acontecementos deportivos do verán

0

O Concello de San Sadurniño pechará esta fin de semana o calendario de actividades deportivas do verán. E farao coa Ruta BTT nocturna organizada para este venres a partir das 21:00h en colaboración con Biela e Chaveta,e cunha exhibición de rugby que se desenvolverá o sábado pola tarde -17:00h- no campo de fútbol de Santa Mariña do Monte, neste caso coorganizada polo Club de Rugby Ferrol e a ACDR Santa Mariña do Monte. Na proba ciclista, con saída e chegada na capital municipal e un trazado total de 15 quilómetros, participarán 42 deportistas, mentres que a demostración de rugby do día seguinte contará co CR Ferrol, o CR Fendetestas e a Asociación Llanerense de Rugby, procedente de Asturias. 

O departamento municipal de Deportes pechou onte o prazo de inscrición para a BTT nocturna, para a que se recolleron un total de 42 solicitudes, todas elas admitidas. Na súa maioría son ciclistas con idades comprendidas entre os 18 e os 50 anos aos que se lles dará a saída este venres sobre as nove da noite diante do colexio público.

Trala saída e o paseo de quecemento polo centro urbano, o grupo tirará cara a Cornide e empezará a estirarse a medida que se vai escalando á Penamoura, onde o trazado se dividirá en dous camiños: un de 13 quilómetros relativamente doado e outro de 15,5 algo máis duro. Este último ten unha subida de aproximadamente 1 km até o Chao e a Penavidreira, punto máis elevado da ruta onde se iniciará a baixada seguindo os montes de Piñeiros e a Bidueda até rematar de novo diante do CPI de San Sadurniño.

A BTT nocturna, cuxo trazado pode verse nesta ligazón, é unha proba cun perfil e un percorrido de dificultade media no que é obrigatorio o uso de casco e luz frontal e traseira. Ademais, todos os ciclistas menores deberán estar acompañados por outro adulto.  Todas as persoas apuntadas terán a cobertura dun seguro e coa inscrición van incluídos os avituallamentos da metade e do final da proba.

Rugby o sábado en Santa Mariña
A outra cita deportiva desta fin de semana en que se despide o verán será a exhibición de pretemporada que ofrecerán o Club de Rugby Ferrol, o Fendetestas das Pontes e a Asociación Llanerense de Rugby, chegada de Asturias.

Os tres equipos encontraranse no campo de fútbol de Santa Mariña do Monte nun evento organizado polo club ferrolán e a ACDR Santa Mariña do Monte coa colaboración do Concello. Desde as 17:00 até as 21:00h, aproximadamente, todas as persoas que se acheguen polo recinto poderán ver como se xoga e aprender as regras dun deporte apaixoante que, malia a dureza dalgúns lances, se caracteriza polo xogo limpo e a cortesía entre contrincantes.

Lista de inscricións na BTT nocturna

Share.