A rapazada seguirá decorando espazos públicos co programa “Debullando Cores”

0

Vai para dous anos que a Concellaría de Cultura ordenou de implicar as nenas e nenos do concello nun proxecto que combinase tres aspectos: a conciliación, a creación e o adecentado de distintos espazos públicos dándolles un aire novo por medio da cor. Así naceu o proxecto “Debullando Cores”, co que a rapazada xa leva decorados uns cantos lugares con axuda de Paula Aneiros. A artista plástica axúdalles a dárlle forma ao deseño, despois guía ás cativas e cativos na preparación dos elementos e, por último, oriéntaas e axúdalles na súa plasmación a tamaño real. Así se fixeron xa os murais que locen nos locais sociais de Santa Mariña, Igrexafeita, Lamas e Naraío e agora, nunha nova edición do obradoiro, tocaralles aos de Bardaos e Ferreira.  Hai que anotarse ao longo desta semana no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

“Debullando Cores” está pensado para nenas e nenos de entre 8 e 14 anos, a quen se lles propón vestir de cor algún recuncho do noso territorio. Non fai falla que traian nada, agás roupa que poidan manchar, gorra, botellín de auga e protección solar botada. O demais -material para os bocetos, pinturas acrílicas, brochas, pinceis, cinta de papel, etc.- pono o Concello, co ánimo de que a rapazada só teña que preocuparse de aprender, compartir unha experiencia distinta e desfrutar do obradoiro.

O programa, igual que en 2020 e 2021, desenvolverase en dúas veces: en Bardaos do 11 ao 15 de xullo (a semana que vén) e en Ferreira na semana do 1 ao 5 de agosto.

En ambos lugares haberá dúas quendas con 4 prazas cada unha (8 por parroquia), unha de 10:30 a 11:30h e outra de 11:30 a 12:30h, que se cubrirán por orde de inscrición en agustin.perez@sansadurnino.gal ou no 616 332 919.

A dinámica repetirá o esquema de anteriores edicións, tamén dirixidas por Paula Aneiros. A artista plástica de Santa Mariña do Monte definirá coa cativería que deseño se representará en cada lugar. Seguindo a liña estética e temática dos espazos xa decorados o máis probable é que se tire por motivos relacionados co ambiente e as actividades que se desenvolvan en cada un dos sitios, combinando tanto pintura como figuras en releve feitas en madeira. En calquera caso, para as nenas e nenos participantes será unha boa ocasión para expresaren toda a súa creatividade.

Share.