A rapazada do “Debullando Cores” remata o seu mural en Naraío

0
Tania, Xoel -o de Racamonde-, Eneko, Xoel -o de Fontao-, Andrea e Miguel. Eses son os nomes de seis grandes artistas que durante as dúas últimas semanas estiveron traballando no mural que desde hoxe engalana a entrada no local social de Naraío. Con axuda da artista gráfica Paula Aneiros compuxeron un deseño moderno e cheo de cor inspirado en distintos xogos e deportes. A actividade formou parte do programa “Debullando Cores” organizado pola Concellaría de Cultura de San Sadurniño, co obxectivo de promover a creatividade infantil por medio da arte urbana.
O ano pasado -o primeiro desta iniciativa- Paula Aneiros coordinou a cativería para decorar o exterior dos locais de Santa Mariña e Igrexafeita, mentres que neste verán 2021 os grupos participantes se ocuparon do acceso ao local social de Lamas e, durante os últimos días, dunha das paredes exteriores das instalacións compartidas pola UDC Narahío e a AVV O Castelo.
Esta mañá, ademais de mostrarlles en primicia ás mamás e papás a obra rematada, os nenos e nenas -todos eles con idades entre os 7 e os 12 anos- tiveron unha pequena merenda de despedida do “Debullando Cores”.
Máis arte infantil desde mañá na galería do Concello
O remate deste programa cultural coincide co arranque da exposición “De mil cores”, que poderá visitarse na galería do Concello ata o 30 de setembro nos horarios de atención ao público das oficinas municipais.
A mostra recolle pezas realizadas nos últimos meses polo grupo infantil e xuvenil de debuxo e pintura da Asociación Cultural Brío, tamén dirixido por Paula Aneiros.
Share.