A rapazada do CPI prepara riquísimos petiscos con produtos da Fusquenlla

0

O alumnado de 4º da ESO do CPI de San Sadurniño pasou esta mañá entre fogóns -en sentido figurado- participando nun obradoiro de cociña conducido polo chef Alejandro Iglesias, do restaurante-tapería Dúas liñas de Arzúa. A idea xurdiu dunha proposta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, quen está desenvolvendo coa rapazada e a mocidade o proxecto europeo “People&Planet”, de cara a implicar a xente nova no necesario cambio cara á sostenibilidade ambiental e social. Neste sentido, a través da preparación dos platos con materia prima local, o alumnado descubriu a importancia dunha alimentación equilibrada e saudable, pero tamén de apostar polos produtos de proximidade. 

People&Planet” é unha iniciativa que traballa coa xente nova en múltiples vertentes co obxectivo de concienciala sobre as consecuencias do cambio climático e os retos inmediatos que temos por diante como sociedade para tentar frealo.

Neste sentido, o programa europeo anima á infancia e a adolescencia a mobilizarse e mesmo a asumir o liderado na adopción de estilos de vida máis sostibles. Ao tempo, busca mellorar as prácticas dos gobernos locais, facilitando a implicación activa da mocidade nos procesos de elaboración de políticas públicas, así como na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no eido local.

O obradoiro que se desenvolveu ao longo desta mañá na Casa da Cultura tocou polo menos oito dos dezasete ODS, nomeadamente os relacionados coa saúde, o desenvolvemento socioeconómico sosible e, sobre todo, o relativo a unha produción e un consumo responsables.

Para iso, con apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, organizouse unha sesión culinaria dirixida polo cociñeiro Alejandro Iglesias, copropietario do restaurante Dúas liñas que iniciou a súa andaina na vila de Arzúa antes do verán cun compromiso decidido pola elaboración de pratos innovadores e da máxima calidade botando man de produtos de quilómetro cero. En San  Sadurniño, Iglesias e as mozas e mozos do CPI puxeron en práctica esa filosofía empregando, entre outros, kétchup, salsa doce de pementos e zume de mazá saídos do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla.

“Incidimos na importancia de consumir produtos locais e no impacto a nivel socieconómico de facelo, posto que así contribuimos a fortalecer o noso tecido produtivo e promovemos a transformación agroalimentaria de proximidade. Ademais, apostar polo cercano, polo de aquí, reduce os circuitos comerciais no referido a transporte e intermediarios, de maneira que tamén se contribúe a reducir a pegada de carbono e a asegurar rendas dignas para quen sosteñen o noso rural”, explica a concelleira de Axenda 2030 e representante municipal no Consello escolar, Raquel Piñeiro.

A sesión de hoxe, na que participaron 33 adolescentes, estivo dividida en dous grupos, un en horario de 10:00 a 11:30h e o outro desde as 11:45 até as 13:15h. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade asumiu un dos obradoiros a través de “People&Planet”, mentres que o outro foi contratado polo Concello para que puidese asistir a totalidade do alumnado de 4º da ESO.

Share.