A rapazada de “Debullando cores” decora o local social de Ferreira

0

Este martes rematou o segundo dos obradoiros infantís programados por Cultura dentro da iniciativa “Debullando cores”, que leva dous anos implicando a rapazada na decoración de distintos espazos públicos. Na presente edición tocoulle ao local social de Bardaos e ao de Ferreira.  Nesta última parroquia, e con axuda de Paula Aneiros, as nenas e nenos participantes deseñaron notas e instrumentos musicais que despois se cortaron en madeira e se pintaron con tonalidades vivas para colocalas no escenario do local social da Seara. Ao seu carón celebrarase precisamente este sábado unha festa de fin de verán organizada pola comisión do San Paio 2022.

A festa de remate do verán comezará ás 16:00h cunha festa infantil que se prolongará até as 20:00h. A cativería terá espuma, xogos e hinchables de auga e incluso unha deslizadora. Ata 2 anos de idade as actividades serán de balde, mentres que de aí en diante o prezo serán 10€ con compra anticipada contactando coa comisión -Vanesa, 669 287 134 / Belén, 627 583 419 / Rocío, 696 880 044-  ou 12€ se os billetes se mercan na propia festa.

Se viñese un día de chuvia intensa non se farán as actividades no exterior, pero só “se viñese moi mal tempo, xa que as nenas e nenos ían mollarse de todos modos”, sinalan desde a comisión de festas do San Paio, organizadora do evento. Nese caso devolveríase o importe dos tiques.

A partir das 20:30h haberá cea a base de bolas da tixola con compango doce e salgado, neste caso cun prezo de 5€ por ración. Se chove a cea -e a música con karaoke- trasladaríase ao interior do local decorado polas nenas e nenos onte mesmo, como parte final do obradoiro “Debullando Cores” programado pola Concellaría de Cultura a principios deste mes de agosto.

A rapazada e a artista Paula Aneiros tiraron por un tema musical acaído ao espazo e, neste sentido, encheron de instrumentos e notas musicais a parede traseira do escenario.

Share.