A rapazada da Rolada empeza a prepararse para o Día da Árbore

0

Faltan aínda dous meses para o 21 de marzo, Día Internacional dos Bosques, que en moitos lugares -entre eles San Sadurniño- é tamén o día elixido para celebrar o Día da Árbore. En 2024 esta data serviu de escusa para plantar varios exemplares autóctonos ao pé da capela de San Cristovo, en Ferreira, con axuda das nenas e nenos da parroquia. E neste 2025 a cousa irá polo mesmo camiño, coa diferencia de que serán as crianzas da Rolada quen se impliquen na plantación dunha maceira na horta de conservación xestionada pola AGFA do Eume.

O presidente da asociación de produtoras e produtores de froita autóctona, Ignacio Bellas Castro, levou á escola un pé de mazá Príncipe recén sacado do viveiro co obxectivo de que as nenas e nenos descubran durante as próximas semanas unha chea de cousas sobre as plantas e árbores con axuda das súas mestras.

Aproveitando a raiola e a caloriña do sol, as nenas e nenos da escola infantil saíron ao patio do xardín municipal para participar nunha primeira actividade que consistiu no transplantado da maceira. Foron elas e eles quen puxeron a pequena árbore nun testo, quen lle botaron terra e quen a regaron, experimentando desta maneira a sensación de tocar distintas texturas e tamén aprendendo (cunha explicación axeitada á súa curta idade) por que son tan importantes a terra e máis a auga para o crecemento das plantas.

A idea é que de que dentro de dous meses a maceira estea nas condicións ideais para ser transplantada de novo no seu emprazamento definitivo na horta de conservación de froiteiras autóctonas Carlos Fornos, xestionada pola AGFA do Eume.

O alcalde, Secundino García, e a concelleira de Cultura, Ara Bellas, acompañaron ás nenas e nenos e ao presidente da entidade nesta actividade “moi relacionada cos valores ambientais que queremos inculcarlle á rapazada”, apunta Bellas, mentres que o rexedor destacou o “grande labor educativo” que se desenvolve na EIM A Rolada “procurando que as nenas e nenos coñezan o medio e estean en contacto coa natureza sempre que se poida”.

Share.