A rapazada da EF Irmandiños entrevistará hoxe á futbolista Bea Seijas

0

A área municipal de Igualdade prosegue hoxe coas actividades arredor do 8M organizando unha entrevista no salón de plenos coa deportista Beatriz Seijas. A internacional de fútbol sala conversará a partir das 18:00h coa rapazada da Escola de Fútbol Irmandiños nun encontro que se poderá seguir ao vivo a través da canle municipal en Youtube. O tema central da entrevista será a igualdade no deporte.

Seijas é seleccionadora do equipo galego alevín e sub-16 de fútbol sala feminino e adestradora de 2ª división. Foi, ademais,  xogadora de 1ª división, convocada na Selección Española e dúas veces mellor xogadora estatal e outras tantas mellor xogadora galega. Entre os seus éxitos cabe destacar unha Copa da Raíña e unha Copa de España de fútbol sala.

As pequenas e pequenos da Escola municipal de fútbol Irmandiños charlarán con ela hoxe á tarde -18:00h- para coñecer o seu punto de vista sobre cal é a situación da muller na práctica deportiva, especialmente no ámbito profesional e en deportes coma o fútbol ou o fútbol sala onde pouco a pouco as ligas femininas están cobrando cada vez máis importancia e, sobre todo, visibilidade.

A entrevista terá lugar  no salón de plenos e poderá seguirse a través da canle de Youtube e do Facebook do Concello de San Sadurniño. Ademais quedará gravada para poder vela en calquera outro momento.

Entrega de premios e música
A área de Igualdade, en colaboración co CPI, tamén organiza un concurso de microrrelatos con perspectiva de xénero. Todos os traballos exporanse na Casa da Cultura o sábado 16 a partir das 18:00h. Será no marco dun encontro en que se entregarán os premios do certame e no que tamén poderemos escoitar á poeta local María Teresa Pouso.

Pouso foi unha das participantes no obradoiro de escritura creativa que se organizou o pasado mes de novembro con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Os textos saídos desa actividade tamén compartirán espazo no recibidor do centro cultural coas redaccións da rapazada e a mocidade do colexio.

Share.