A rapazada da AC Brío reivindica a diversidade a través das artes

0

Vai rematando este 28X centrado no respecto na reivindicación dos dereitos e o respecto das diversidades afectivas e de todas as maneiras de ser e sentir. Este serán pechamos os actos organizados en colaboración coa Asociación Cultural Brío mostrando a “Árbore da Diversidade” deseñada polas nenas e nenos nos obradoiros dirixidos a semana pasada por Paula Aneiros. Debaixo do grande magnolio dos xardíns, as familias e a rapazada foron pendurando cadansúa folla multicor, como raiolas de luz que nos convidan a pensar sobre a volta que aínda debe dar a sociedade.

Tal e como apuntou Montse Sande, da AC Brío, “as agresións homófobas aumentaron neste ano 2022 e a maioría das crianzas e adolescentes con diversidade sexual sofren acoso escolar”. Dous titulares da prensa destes días que mostran unha realidade “que temos que cambiar” e que Brío, como entidade que traballa coas crianzas e a mocidade, está axudando a mudar “traballando en igualdade, diversidade e respecto polos demais… o pilar fundamental para conseguilo”.

Ademais da “Árbore da Diversidade”, Brío tamén ofreceu na pista multixogos a actuación das rapazas de Danza estética e de Hip-Hop, quen prepararon “case sen tempo” dúas coreografías.

A concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, agradeceulles ás mozas e ás profesoras -Sara Rodríguez e Nerea Rodeiro- o esforzo por ter os bailes a punto para hoxe. Ara Bellas destacou o “compromiso coa diversidade ” da Asociación Cultural Brío e puxo á cativería dos seus grupos de arte e danza como exemplo do talento que hai en San Sadurniño.

_DSC3782_Original ratio_1920x1080_H_80

Share.