A piscina municipal abre hoxe ao público

0

Todo está listo xa na área recreativa de Corrás para darlle a benvida ao verán, que entrará oficialmente á volta de tres días. O vaso xa se estreou esta fin de semana con motivo do torneo de fútbol do CF San Sadurniño pero será este luns 18 de xuño cando se abra a temporada para o público en xeral, que poderá gozar ata o 16 de setembro de baños libres e tamén de cursos nun entorno reacondicionado o ano pasado que, ademais, convida a pasar o día ao aire libre. Os prezos das entradas e das actividades acuáticas son moi parecidos aos de 2017 e desde o Concello recoméndase sacar bono para que as entradas nos saian máis a conta. O trámite pode facerse na Casa da Cultura en horario de mañá. 

O servizo da piscina estará aberto desde o 18 de xuño até o 16 de setembro, ambos días incluídos, aínda que con horarios ampliados os festivos e durante a fin de semana. Así, o horario xeral de baños libres estenderase desde as 15.00 até as 21.00h. de luns a venres e das 12.00 ás 21.00h. durante a fin de semana e festivos.  Ademais, o recinto tamén acollerá cursos de natación os luns, mércores e venres de 11.00 a 14.00h. cos grupos habituais de prenatación, iniciación e perfeccionamento. Iso si, para que se forme cada un deles será necesario que haxa un mínimo de inscricións, que poden facerse desde hoxe mesmo na Casa da Cultura. Os cursos comezarán o 2 de xullo e rematarán o 31 de agosto.

Os prezos son practicamente os mesmos có ano pasado e só se incrementaron coa suba do IPC.  As entradas individuais para baños libres deberán collerse cada día na cantina da piscina. Porén, os abonos para a temporada e a participación en cursos hai que adquirilos na Casa da Cultura en horario de 8.30 a 14.00h. os luns, mércores e venres.

O abono é unha opción certamente interesante xa que, por exemplo, unha persoa adulta que merque tique para toda a tempada -29,23 €- terao descontado en tan só 10 baños. A solicitude dos abonos pode facerse desde o pasado 11 de xuño.

Adxudicación da xestión da cantina
Por outra banda, o Perfil de contratante municipal tamén publicou o venres pasado o resultado do proceso de adxudicación da xestión do ambigú da piscina, que  recaeu en Óscar Padín Villarnovo por un importe de 1.058,00€.  A través desta ligazón pódese acceder á información sobre o procedemento ao que se presentaron cinco ofertas.

Entradas

Prezos

Entrada individual diaria de persoas adultas

3,30 €

Entrada individual diaria de persoas menores de 14 anos

1,66 €

Abono de tempada para persoas adultas empadroadas (maiores de 18 anos)

29,23 €

Abono de tempada para persoas adultas non empadroadas (maiores de 18 anos)

37,58 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales o 50% ou máis estean empadroados no Concello)

52,20 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales menos dos 50% estean empadroados no Concello)

62,64 €

Abono de tempada familiar, por cada persoa a partires da 5.ª (independente do empadroamento)

5,22 €

Cursos

Abono mensual para cursos de natación para nenos e nenas empadroadas (ata 14 anos)

12,53 €

Abono mensual para cursos de natación para nenos e nenas non empadroadas (ata 14 anos)

15,66 €

Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos empadroadas no Concello

20,88 €

Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos non empadroados no Concello

26,10 €

Share.