A ONG BRIEGAL utilizará a escola da Leiriña como base operativa dos seus proxectos de cooperación en materia de emerxencias

0

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e o presidente da Asociación de Busca e Rescate en Emerxencias de Galicia (BRIEGAL), Manoel Tato Álvarez, asinaron onte á tardiña un convenio de colaboración que lle permitirá á entidade empregar a antiga escola indiana da Leiriña como punto de almacenamento de materiais e espazo de reunión. O acordo, que non implica contraprestación económica e terá unha vixencia inicial de tres anos, inclúe o asesoramento por parte da ONG ao Concello en materia de planificación e resposta ante emerxencias, ademais do compromiso de levar a cabo accións formativas e de sensibilización entre a veciñanza. O rexedor explicou que o convenio permitirá darlle un uso de carácter social a un local que neste momento se encontraba infrautilizado, mentres que o representante de BRIEGAL destacou a importancia da colaboración municipal para contar cunha base operativa desde a que desenvolver a súa actividade.

BRIEGAL é unha entidade sen fins de lucro que naceu en 2023, promovida por profesionais de diferentes servizos de bombeiros de Galicia co obxectivo de prestar apoio inmediato ante catástrofes naturais, como foron o grande terremoto de Turquía ou as inundacións de Libia en 2023, aínda que tamén ten en marcha outras accións internacionais de axuda ao desenvolvemento.

“A nosa actividade en BRIEGAL dividímola en dúas: a principal é ter un grupo de rescate -somos case todos bombeiros profesionais- que poida acudir en menos de 24 horas a unha catástrofe de tipo natural, como terremotos, ou riadas, etc. E despois hai unha segunda parte que son os proxectos de cooperación ao desenvolvemento no eido que nos toca”, explica Manoel Tato Álvarez

Un destes proxectos é o que van levar a cabo en Perú, onde teñen previsto entregarlle a comunidades dese país mil traxes ignífugos contraincendios, 600 pares de botas e outro equipamento de protección, ademais de “darlles unha pequena formación” sobre prevención, educación ambiental e prácticas sostibles en colaboración con organizacións peruanas. Esta iniciativa conta con axuda do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e tamén da Xunta de Galicia, ademais de ter recibido hai unhas semanas o XVII Premio Solidario Concello de Ferrol.

Tanto este proxecto, que manexará moito material antes de cruzar o Atlántico, como outros que queira levar a cabo BRIEGAL requiren dispor dun espazo onde organizar a loxística. E aí é onde entrou o Concello de San Sadurniño, buscando entre os lugares dispoñibles algún que se axeitase ás súas necesidades. “A asociación púxose en contacto co Concello porque precisaban un local para gardar material. Pola nosa parte ensinámoslles este, que nos parecía que podía cumprir con esa función. Ademais é unha maneira de darlle uso”, comenta Secundino García Casal referíndose á antiga escola indiana da Leiriña, en Ferreira, construída entre 1927 e 1931 con fondos da emigración.

O inmoble, no que o Concello fixo distintos labores de conservación nos últimos anos -entre eles botarlle o lousado- só se estaba empregando como colexio electoral das parroquias de Ferreira e Igrexafeita. Porén, ao abeiro do convenio asinado onte pasará converterse en base operativa de BRIEGAL, sen que por iso o Concello renuncie á propiedade nin tampouco a darlle usos puntuais que sexan necesarios, sempre en coordinación coa ONG. “Aquí poderemos facer reunións, poderemos dar charlas, formación, formacións internas, etc. Isto a nós dános moita vida porque non tiñamos un centro onde facer todo isto”, asegura o presidente de BRIEGAL.

O convenio tamén contempla a participación da entidade en tarefas de asesoramento ao Concello na planificación municipal fronte a emerxencias, así como en actividades de prevención e sensibilización cidadá, que se definirán nun calendario conxunto de actuacións dirixidas á veciñanza, “por exemplo sensibilización de persoas maiores con temas de fumes, etc.”, precisa Manoel Tato, engadindo que dispor dun local tamén facilitará “darlle un pouco de visibilidade á nosa actividade”.

O Concello e BRIEGAL farán un eguimento anual da colaboración a través dunha comisión mixta composta por representantes de ambas entidades. O acordo estará vixente durante tres anos, con opción a prorrogarse por outros tres, sempre que se manteñan os obxectivos fixados, algo que o alcalde dá por feito: “Axudar a quen traballa dun xeito voluntario pola Sociedade tamén é unha obriga moral das Administracións públicas”, dixo Secundino García Casal.

 

 

 

 

 

Share.