A Oficina Agraria Comarcal abre a preinscrición nun curso de operador/a transformación e comercialización de horta, froita e mel

0

A mocidade e profesionais da agrogandeiría dos concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño poderán participar nunha acción formativa pensada para mellorar as súas competencias en todo o que ten que ver coa transformación e comercialización tanto de produtos da horta e froita como do mel.  De momento non hai data concreta para o curso, que podería desenvolverse entre maio e outubro, senón que, en primeiro lugar, fai falla saber canta xente estaría interesada en facelo. Por iso cómpre unha preinscrición contactando como moi tarde o próximo luns 15 de febreiro co teléfono 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. Haberá que indicar o nome e apelidos, a data de nacemento, un teléfono de contacto e se se está de alta no REAGA/REGA. 

Para que este curso saia adiante cumprirá xuntar, entre todos os concellos, un mínimo de 10 inscricións e un máximo de 20 e, a partir de aí, programarase o calendario e máis o lugar en que se desenvolverá, aínda que todo apunta a que o sitio elixido será o novo centro de transformación alimentaria de Moeche promovido polos catro municipios en colaboración coa Deputación da Coruña.

A formación centrarase en mellorar as competencias de todas aquelas persoas que teñan previsto dedicarse profesionalmente á transformación e comercialización de mel ou produtos hortofructícolas, ou ben de aquelas que xa estean desenvolvendo estas actividades de maneira principal ou como complemento económico da súa renda.

O programa vai dirixido principalmente a achegar luz sobre cuestións relacionadas co control da calidade e da trazabilidade dos produtos, e non tanto aos procesos de elaboración propiamente ditos. Así, entre os temas propostos inicialmente -que poderían verse lixeiramente modificados despois- estarían:

  1. Os principios básicos da transformación e comercialización agraria e a lexislación que lles é de aplicación
  2. A seguridade e a hixiene  alimentaria, nomeadamente da manipulación do produto, do local e do operador/a. Neste apartado inclúese a trazabilidade, que permite seguir todo o proceso desde a orixe ata que chega ao consumidor/a.
  3. As normas de calidade da comercialización, así como a denominada “calidade diferenciada” e as distintas marcas rexistradas que a amparan
  4. Os criterios de normalización, envasado e etiquetado, xunto coa información sobre alérxenos e outros indicadores que deben ir nos envases

O curso “Operador de transformación e comercialización de produtos hortofructícolas e do mel” será ofrecido pola Oficina Agraria Comarcal de Ferrol, encadrado na programación formativa financiada polo Ministerio de Agricultura e os fondos europeos do FEADER. O período de impartición marcarase unha vez que se teñan recollidas todas as inscricións, pero xa se avanza que podería quedar fixado para entre maio e outubro ou entre xuño e novembro.

En calquera caso, antes diso, fai falla xuntar un mínimo de 10 persoas interesadas e un máximo de 20. No caso de San Sadurniño as peticións deberán tramitarse a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal, indicando o nome e apelidos, a data de nacemento, un teléfono de contacto e -opcionalmente- se se está de alta no REAGA/REGA. O último día para botar a solicitude é o luns 15 de febreiro ás 14.00h.

Trátase dunha primeira acción que, con toda probabilidade, se seguirá doutras máis específicas. Entre os temas que se barallan para este 2021encóntranse, por exemplo, a iniciación á avicultura, ao cultivo de setas, outro sobre agricultura ecolóxica e mesmo un curso sobre  crianza de gando ovino e cabrún.

Share.