A nova Unidade Móbil da ITV agrícola visitará Santa Mariña e Igrexafeita en marzo

0

A empresa concesionaria das ITVS, SyC Applus+, comunicoulle hai escasos días ao Concello a entrada en funcionamento dunha nova unidade móbil para a inspección de vehículos agrícolas que, ademais, tamén poderá pasarlle a revisión a maquinaria de obras e servizos e tramitar expedientes simples que non requiran proxecto técnico nin pesaxe. Así, a UM-11, visitará por primeira vez San Sadurniño no mes de marzo, atendendo o día 7 en Santa Mariña do Monte e os días 20 e 21 en Igrexafeita. Iso en principio, xa que segundo informou SyC Applus+, as datas e horarios poderían verse modificados. En calquera caso, é necesario solicitar cita previa a través do teléfono 902 309 000 ou na web www.sycitv.com.

Os tractores agrícolas ou forestais da categoría T5 (con rodas e unha velocidade máxima superior a 40 km/h) deben pasar a primeira inspección aos 4 anos da súa matriculación e despois, dos 4 até os 16 anos, a ITV será cada dous anos. Con máis de 16 anos de antigüidade hai que levalos á revisión todos os anos.

O resto de maqinaria das categorías T1, T2, T3 e T4 (tractores e máquinas automotrices -agás as de 1 eixo-, remolques especiais, máquinas remolcadas e tractocarros que non superan os 40 km/h de velocidade máxima) teñen a primeira ITV aos 8 anos, dos 8 aos 16 será cada dous anos e dos 16 en diante a inspección é anual.

Ademais de levar a documentación do vehículo, antes de ir á inspección é moi recomendable comprobar na casa que todos os dispositivos de sinalización -intermitentes, luces, rotativo, claxon- funcionan correctamente. Tamén hai que revisar o estado das placas de matrícula e de velocidade e, sobra dicilo, asegurarse de que o tractor frea, aínda que despois sexa o persoal da estación quen verifique que os parámetros estean dentro dos límites permitidos.

A ITV en Santa Mariña, Igrexafeita e noutros puntos cercanos
A estación móbil adoita visitar o noso municipio na primavera e a finais do outono, co obxectivo de concentrar en dúas veces no ano as inspeccións de toda a maquinaria de San Sadurniño e das zonas próximas.  Así, en Santa Mariña do Monte a ITV instalarase no aparcadoiro que hai ao pé da igrexa parroquial, en Moimentos. Atenderá o xoves 7 de marzo de 9:00 a 13:30h e de 15:15 a 18:00h.

En Igrexafeita a estación móbil permanecerá na pista polideportiva da Torre o mércores 20 e o xoves 21 de marzo. O día 20 atenderá pola mañá e pola tarde, entre as 9:00 e as 13:30h e de 15:15 a 18:00h, mentres que o 21 só pasará revisións pola mañá, das 9:00 ás 13:30h.

A vez pode pedirse chamando ao 902 309 000 ou a través da web www.sycitv.com. Tamén se pode probar sorte sen cita calquera desas xornadas por se lles quedase algún oco libre, aínda que non é o máis aconsellable. Por outra banda, segundo informa SyC-ITV Applus+ na súa web, a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

Por se a alguén lle cadra mellor por proximidade, a estación móbil tamén estará o mércores 6 de marzo durante todo o día na explanada da Cooperativa de Vilaboa. Os días 8, 11 e 12 de marzo, a unidade móbil permanecerá no recinto feiral de San Ramón, en Moeche. O primeiro día atendendo só pola mañá e os dous últimos en xornada de mañá e tarde. 

Debe terse en conta que, segundo informa SYC Applus+, as datas habituais de visita das unidades móbiles poden sufrir variacións por mor da entrada en funcionamento da UM-11. A concesionaria engade, porén, que os calendarios “estabilizaranse unha vez pasados os anos 2024 e 2025”.

 

 

 

Share.