A música tradicional enche o centro de San Sadurniño

0

Quen esta mañá andivese facendo algún  recado ou dándo un paseo por San Sadurniño seguramente se preguntaría de onde viña a música que se escoitaba aí entre as 11:30 e as 12:30h máis ou menos. O Sacristán de Coímbra, a Muiñeira de Santo Amaro, Quedaches de vir ás nove… foron algunhas das pezas que soaron nese intervalo, interpretadas polos grupos das escolas de gaita e de cantos de taberna. O motivo: ofrecerlles un pequeno concerto de música tradicional as nenas e nenos da EIM A Rolada e á rapazada da quenda de xullo da Aldea de Verán que mañá remata  estadía no campamento. A partir de luns, outras 14 cativas e cativos ocuparán o seu lugar durante todo o mes de agosto.

O Concello publicou hoxe mesmo no tablón de anuncios dixital e físico a resolución de admisións definitivas da Aldea de Verán que, como dicimos, recibiu 14 solicitudes, todas elas admitidas.

A actividade seguirá o mesmo programa educativo e de lecer que se levou a cabo neste mes de xullo e cos mesmos horarios de entrada solicitados polas nais e pais: os máis madrugadores e madrugadoras  entrarán ás 8:30h e o resto iniciarán a mañá entre as 9:30 e as 10:00 h, rematando en ambos casos ás 14:30 h.

A Aldea terá como base o ximnasio do CPI, salvo naquelas saídas e visitas programadas ou os mércores e venres, días en que hai programada piscina.  Desde Igualdade préganlles ás familias que aínda non o fixesen que ingresen o importe da matrícula na conta do Concello en ABANCA ES73-2080-0208-01-3110000059, indicando no concepto o nome e apelidos da nena ou neno e “quenda de agosto”.

Para elas e elas hai preparados unha chea de obradoiros de xogos tradicionais, deporte ao aire libre, cociña creativa, ciencia, busca do tesouro, fotografía e mesmo xornalismo, coa edición final dunha revista na que resumirán todas as súas vivencias nun campamento que tamén reserva tempo para a aprendizaxe musical.

Nos últimos días a cativería descubriu distintos instrumentos e melodías e hoxe, penúltima xornada da quenda de xullo, xuntáronse diante da praza do antigo Concello para asistiren ao pequeno concerto que lles ofreceu a primeira hora da mañá a novísima violinista local Aldara Bellón Sande, seguido cara ás 12:00h da foliada que armaron as escolas municipais de gaita e de cantos de taberna.

Os grupos interpretaron pezas tan coñecidas como o Sacristán de Coímbra ou a muiñeira de Santo Amaro, popularizada aínda máis se cabe polo coro Treixadura no programa Alalá da TVG. Ademais, algúns dos nenos que acoden ao servizo de conciliación  tamén lle botaron algunha cantada.

Na páxina en Facebook do Concello de San Sadurniño hai unha completa galería fotográfica do encontro coas nenas e nenos da Aldea de Verán, que estivo precedido doutro similar no patio de xogos da Escola Infantil Municipal A Rolada. Alí, as criaturas máis pequenas tamén gozaron da música tradicional e non houbo que insistirlles moito para que saísen bailar.

Share.