55 é o número de deportistas que finalmente asumirán o reto de completar o traxecto A Veiga-Quintiá no menor tempo posible, nuns casos en bici de montaña, noutros en bici de estrada e este ano, como novidade, tamén nunha carreira a pé. Falamos da Cronoescalada Sanrockeira, unha cita que vai pola súa cuarta edición e que coincide co primeiro día das festas do San Roque, en Naraío (de aí o xogo de palabras do nome). Por disciplinas, Biela e Chaveta e máis o Concello, coorganizadores da proba, recolleron 38 inscricións para as dúas disciplinas ciclistas contrarreloxo e 17 para carreira a pé.
A competición celebrarase este venres 7 de agosto sobre un percorrido de 3,39 quilómetros entre o campo da festa da Veiga e Quintiá, cun desnivel de 297 metros. A saída da carreira a pé está fixada para as 17:30 horas e as bicicletas empezarán a rodar ás 18:00h nun formato contrarreloxo con saídas individuais cada minuto. A principal novidade desta edición é precisamente a incorporación da modalidade a pé, que compartirá o mesmo itinerario que a proba ciclista.
Mesmo itinerario e mesma dificultade. A pesar da súa curta distancia, a Sanrockeira é unha cita esixente, cun primeiro quilómetro moi doado que se complica a partir da volta do rego da Cernada, onde comeza un ascenso practicamente continuo ata a meta. Para facerse unha idea: nos últimos dous quilómetros pásase de arredor de 75 metros sobre o nivel do mar ata os 350, o que converte o tramo final nun auténtico desafío para calquera deportista, vaia en bici ou á carreira.
A proba abriuse ás categorías Absoluta-17 a 49 anos- e Máster 50 -de cincuenta anos en diante-, tanto en homes como en mulleres, diferenciando no caso das bicicletas as clasificacións de estrada e de BTT. A división obedece a que todo o trazado discorre sobre aglomerado, un tipo de firme que favorece máis ás bicicletas de roda estreita.
Todas as persoas participantes contarán con cronometraxe mediante chip, seguro, cobertura sanitaria e dous puntos de avituallamento: un líquido en Lourido e outro líquido e sólido en Quintiá. A organización lembra que a pista permanecerá aberta ao tráfico durante a proba, polo que se solicita especial precaución entre as 18:30 e as 20:00h.
Outra das novidades desta edición serán os premios. En vez de trofeos entregaranse cestiños moi xeitosos cunha caixa de Maruxas de Nata e produtos elaborados na Fusquenlla: un paté de setas, améndoas e olivas de Manda Carballo, compota de mazá de Aires de Susi e dúas marmeladas -unha de arando e outra de tomate- de Ay! Carmen conservas.
E tamén bota a andar o San Roque 2026
A cronoescalada servirá ademais como punto de partida das festas do San Roque de Naraío. O programa abrirase o propio venres ás 22:00h coa actuación da vocalista Lucía Fraguela. O sábado será o día grande das celebracións, con misa ás 13:30h, lanzamento de foguetes e sesión vermú co Grupo Pasión. Pola noite haberá verbena co propio Grupo Pasión e coa Orquestra Galilea.
As festas rematarán o domingo cunha misa con procesión ás 13:30h e unha gran traca de peche. Este último día do patrón volverá concentrarse no mediodía e parte da tarde, cunha sesión vermú longa animada polo grupo Fusión. Ademais, no campo da festa, que estará cuberto por unha carpa, tamén se instalará un posto de polbo.