A ITV dos tractores estará o 28 de marzo en Santa Mariña e o 10 de abril en Igrexafeita

0

A estación móbil da Inspección Técnica de Vehículos volverá a San Sadurniño nas próximas semanas para pasarlle a revisión aos tractores e outra maquinaria agrícola. A ITV permanecerá ao pé da igrexa de Santa Mariña do Monte durante a mañá do martes 28 de marzo e o luns 10 de abril na pista polideportiva da Torre, en Igrexafeita, en horario de mañá e tarde. Lanzamos o anuncio con máis dun mes de adianto para ir pedindo vez a través do teléfono 902 309 000 ou na web www.sycitv.com.

Os tractores agrícolas, maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais, excepto motocultores e máquinas equiparadas, teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos. Dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é anual.

Ademais de levar a documentación do vehículo, antes de ir á inspección é moi recomendable comprobar na casa que todos os dispositivos de sinalización -intermitentes, luces, rotativo, claxon- funcionan correctamente. Tamén hai que revisar o estado das placas de matrícula e de velocidade e, sobra dicilo, asegurarse de que o tractor frea, aínda que despois sexa o persoal da estación quen verifique que os parámetros estean dentro dos límites permitidos.

A ITV en Santa Mariña, en Igrexafeita e en Moeche
En Santa Mariña do Monte a ITV instalarase no aparcadoiro que hai ao pé da igrexa parroquial, en Moimentos. Atenderá o 28 de marzo só pola mañá, de 9:00 a 13:30h.

Igrexafeita a estación móbil chegará uns días despois, o luns 10 de abril e situarase na pista polideportiva da Torre. Ese día revisará maquinaria pola mañá e pola tarde, entre as 9 e as 13:30h e de 15:15 a 18:00h. 

A vez pode pedirse chamando ao 902 309 000 ou a través da web www.sycitv.com. Tamén se pode probar sorte calquera desas xornadas por se lles quedase algún oco libre, aínda que non é o máis aconsellable. Segundo informa SyC-ITV Applus na súa web, a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

Ademais das inspeccións en Santa Mariña e Igrexafeita, a estación móbil tamén permanecerá o mércores 29 de marzo  no recinto feiral de San Ramón de Moeche en horario de mañá e tarde.

Share.