A Unidade Móbil nº11 da ITV andará pola nosa zona dentro dunhas semanas para levar a cabo a segunda quenda anual de inspeccións dos vehículos agrícolas. Esta unidade, que entrou en servizo en xaneiro, tamén poderá pasarlle a revisión á maquinaria de obras e tramitar expedientes simples que non requiran proxecto técnico nin pesaxe. Así, a UM-11, estará o día 6 de novembro en Santa Mariña do Monte (só pola mañá) e os días 7 e 8 de novembro en Igrexafeita. É necesario solicitar cita previa a través do teléfono 981 928 080 ou na web www.sycitv.com.
Os tractores agrícolas ou forestais da categoría T5 (con rodas e unha velocidade máxima superior a 40 km/h) deben pasar a primeira inspección aos 4 anos da súa matriculación e despois, dos 4 até os 16 anos, a ITV será cada dous anos. Con máis de 16 anos de antigüidade hai que levalos á revisión todos os anos.
O resto de maqinaria das categorías T1, T2, T3 e T4 (tractores e máquinas automotrices -agás as de 1 eixo-, remolques especiais, máquinas remolcadas e tractocarros que non superan os 40 km/h de velocidade máxima) teñen a primeira ITV aos 8 anos, dos 8 aos 16 será cada dous anos e dos 16 en diante a inspección é anual.
A ITV en Santa Mariña, Igrexafeita e noutros puntos cercanos
A estación móbil adoita visitar o noso municipio na primavera e no outono, co obxectivo de concentrar en dúas veces no ano as inspeccións de toda a maquinaria de San Sadurniño e das zonas próximas. Así, en Santa Mariña do Monte a ITV instalarase no aparcadoiro que hai ao pé da igrexa parroquial, en Moimentos. Atenderá o mércores 6 de novembro só pola mañá, de 9:00 a 13:30h.
En Igrexafeita a estación móbil permanecerá na pista polideportiva da Torre o xoves 7 e o venres 8 de novembro. O primeiro día atenderá pola mañá e pola tarde, entre as 9:00 e as 13:30h e de 15:15 a 18:00h, mentres que venres só pasará revisións pola mañá, das 9:00 ás 13:30h.
Por se a alguén lle cadra mellor por proximidade, a UM-11 tamén estará o martes 5 de novembro na explanada da Cooperativa de Vilaboa e o martes 12 de novembro no recinto feiral de San Ramón, en Moeche, atendendo en ambas xornadas pola mañá e pola tarde.
A vez pode pedirse chamando ao 981 928 080 ou a través da web www.sycitv.com. A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias, polo que é mellor facer a consulta antes de pedir a vez.