A Fusquenlla organiza unha xornada de traballo para o sábado 4 de decembro

0

O plan inicial de difusión do Centro de Transformación agroalimentaria A Fusquenlla está a piques de completarse. Van aló catro presentacións demostrativas que se desenvolveron en cada un dos concellos promotores do proxecto -San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño- que se acompañaron de visitas guiadas polas instalacións durante os días de feira en Moeche, coa finalidade de dar a coñecer tanto as características do centro como as posibilidades que ofrecerá para darlle maior valor engadido aos produtos da terra. Ademais, os encontros e visitas tamén tiveron como obxectivo ir creando un grupo de traballo formado por persoas interesadas en envasar alí conservas, mel, zumes e outras elaboracións que tamén axuden a definir un plan de usos para o centro adaptado ás necesidades reais do sector. Neste sentido, o programa de dinamización propón a xornada “Obradoiros compartidos”, que terá lugar na Casa da Cultura de San Sadurniño ao longo do sábado 4 de decembro. Nela veranse distintos modelos de xestión que xa se aplican noutros centros similares e, ao final do seminario, achegaranse ideas sobre cal sería o máis acaído para A Fusquenlla. Para participar neste encontro fai falla inscribirse a través deste formulario. O último día é o 2 de decembro.

Esta acción, igual que as xa desenvolvidas, encádrase nun programa para dar a coñecer o centro A Fusquenlla financiado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellaría do Medio Rural.

Entre as charlas demostrativas do cociñeiro Antonio Díaz, a viaxe que se fixo a Brión para ver como funciona o proxecto Daquí Darredor e as visitas guiadas dos días 11 e 23, o plan de difusión contou con arredor de 200 participantes da comarca. Boa parte delas e deles expresaron o seu interese en utilizar o equipamento punteiro de San Ramón para elaborar e envasar os seus produtos transformados, quer para autoconsumo, quer para a súa venda, ou dándolles saída das dúas maneiras tendo garantías de que cumpren coa normativa sanitaria e de seguridade alimentaria.

Como cabo da campaña, o proxecto organiza toda unha xornada de traballo para ver e tirar conclusións sobre os modelos que se aplican noutros centros, ademais de coñecer de que maneira se autoorganizaron as produtoras e produtores en canto á súa xestión e os métodos de comercialización, amparados en moitos casos por unha marca propia.

Neste sentido A Fusquenlla é unha iniciativa impulsada por catro concellos -con apoio da Deputación da Coruña e dos fondos europeos do Leader- que se asenta en territorio do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, cuxa finalidade tamén é favorecer o desenvolvemento local sostible promovendo a produción de alimentos de calidade orientados aos mercados de proximidade -venda directa, hostalaría, tendas, comercios especializados en delicatessen, etc.-, pero tamén ao turismo e a mercados externos.

Na sesión que terá lugar na Casa da Cultura de San Sadurniño o sábado 4 de decembro de 10:30 a 17:30h -con parada ás 14:00h para xantar (cadaquén deberá levar o seu)- participará como poñente o enxeñeiro agrónomo e consultor Alfonso Ábalos, integrante do clúster Extremadura Alimenta nacido en 2015 para agrupar as experiencias de artesanía alimentaria desa comunidade, onde tamén existen iniciativas e instalacións cun contido similar ao que se pretende poñer en práctica na Fusquenlla.

Canda Ábalos, a xornada tamén contará con Conchi Mogo, do Sindicato Labrego Galego e membro da Plataforma pola Producións Labregas e Artesás, e con María José Carballido, veterinaria da cooperativa Teceleiras.

O programa do día está dispoñible na web afusquenlla.gal, onde tamén se atopa o formulario de inscrición, que deberá formalizarse como moi tarde o xoves 2 de decembro.

 

Share.