A Fusquenlla abre as inscricións para visitar o centro de transformación de Brión e o mercado Daquí Darredor

0

O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla prosegue coa súa campaña para darse a coñecer entre as potenciais persoas usuarias dos catro concellos promotores do proxecto. O venres pasado tocoulle a vez a San Sadurniño cunha interesante charla ofrecida polo cociñeiro Antonio Díaz e o venres desta semana, tamén ás 18:00h,  o seu showcooking con produtos locais chegará á Casa da Cultura de Valdoviño. Ofértanse 25 localidades para asistir ao vivo a unha presentación que debulla o potencial económico que teñen as elaboracións de froitas, hortalizas, cogomelos, aromáticas e outros produtos da terra. As prazas están case todas cubertas e as que quedan aínda libres deben reservarse neste formulario. Ademais, o plan de dinamización d’A Fusquenlla tamén ten preparada unha visita ao espazo colaborativo Daquí Darredor, situado en Brión, que cumpre unha función moi semellante á que se pretende impulsar no centro de Moeche. A viaxe está programada para a tarde do venres 5 de novembro e tamén fai falla anotarse nestoutro formulario.

O Centro de traballo colaborativo de Brión forma parte, igual que A Fusquenlla, da rede posta en marcha pola Deputación da Coruña para promover novos proxectos empresariais en concellos pequenos ou, coma neste caso, para dinamizar o medio rural por medio da transformación agroalimentaria.

O proxecto denomínase Daquí Darredor e conta cunha grande cociña na que se poden elaborar alimentos con rexistro sanitario de todo tipo: conservas, marmeladas, zumes, pan, doces, xeados, deshidratados, etc. Ademais tamén quere crear un matadoiro móbil para aves e coellos que cumpra con todos os requisitos sanitarios de cara ao autoconsumo ou a posterior comercialización.

Rodeando a parte das instalacións hai un proxecto que pretende asentar un modelo de produción e comercialización de proximidade, aproveitando para iso a realidade social e demográfica dunha zona periurbana situada ao carón de Santiago -concellos de Ames, Brión e Teo, principalmente-, cun grande mercado potencial, relativamente cercano e coas rendas máis elevadas da comarca compostelá.

Na visita que se fará a Brión o venres 5 de novembro coñecerase tanto a cociña colaborativa do proxecto como tamén o Mercado Daquí Darredor que se desenvolve polas tardes o 1º e 3º venres de cada mes nos arredores do centro comercial Monte Balado -se chove fano no interior-, onde se poden atopar produtos frescos, conservas e tamén artesanía.

A saída da viaxe está posta para as 15:45h de diante da Casa do Concello de San Sadurniño e prevese estar de volta a iso das 20:45h. Para anotarse hai que cubrir este formulario de reserva, a través do que se ofrecen un máximo de 30 prazas. O prazo de inscrición finaliza o 3 de novembro.

Demostracións de Antonio Díaz
Por outra banda, o proxecto A Fusquenlla mantén activo o formulario para anotarse nas charlas demostrativas do cociñeiro Antonio Díaz. A próxima é este mesmo venres ás 18:00h na Casa da Cultura de Valdoviño cun tope de 25 asistentes. A semana que vén farase unha paréntese para achegarse a Brión e, á seguinte, retormaranse as charlas itinerantes con parada en Moeche o 12 de novembro -Nave do Mercado, 18:00h- e en Cerdido o día 19.

Cómpre lembrar que o Centro de Transformación Agroalimentaria situado no recinto feiral de San Ramón poderá visitarse durante os días de feira do 11 e do 23 de novembro anotándose previamente no posto informativo que haberá instalado na Nave do Mercado. Eses dous días faranse dous percorridos, un ás 11:00h e outro ás 12:00h. Ademais, ao remate da charla de Antonio Díaz do 12 de novembro as persoas asistentes tamén terán oportunidade de coñecer as instalacións.

Share.