San Sadurniño acaba de pechar unha intensa xornada de feira na Cortiña, onde unha vez máis volveu celebrarse o grande evento anual arredor do rural e a sostenibilidade. Van quince edicións da Feira Rural, unha cita que nunca defrauda pola cantidade de produto e outros artigos que hai á venda, polas actividades paralelas que ofrece e pola cantidade de público que se achega a San Sadurniño, que este ano, malia seguir sendo ben numeroso, foi algo menor que en 2023.
Con todo, desde o Concello reitérase a valoración máis que positiva sobre unha feira “que está consolidada”, reiterou o edil de Desenvolvemento local e ideólogo do evento, Manolo Varela, para engadir deseguido que “houbo un bo ambiente, o tempo axudou e creo que houbo vendas”, recoñecendo, iso si, que a afluencia de xente fora algo máis baixa -malia ser sostida todo o día- que nas mellores edicións.
Dentro do funcionamento da feira cómpre destacar o elevado número de lotes de froita expostos, preto de 80, dos cales 22 participaron no tradicional concurso. Peras, mazás, pexegos… había practicamente de todo e variado, resultado dun ano vizoso, “dependendo das variedades”, precisou Varela, xa que as castes de cedo viñeron con boas producións mentres que as de tarde foron algo máis pobres. “Foi un ano variable, houbo árbores cargadas e outras sen grandes colleitas”, explica o concelleiro, que ademais é tamén fruticultor.
En calquera caso, os premios desta vez marcharon todos para fóra de San Sadurniño. O lote ganador, composto por mazás da variedade “Pero Baionés”, presentouno José Antonio Rodríguez, de Ares. En segunda posición quedou Cintia Arias, das Pontes, aínda que achegando uns “Pexegos non abrideiros” recollidos en Silvalonga. Pechou a terna de persoas premiadas a tamén pontesa Susana Trastoy, cun cesto de mazá “Akane” pequena e non demasiado fermosa á vista pero certamente saborosa.
Trala entrega dos premios, o Concello sorteou a primeira tanda de agasallos entre o público. Xunto co realizado a última hora da tarde, a área de Desenvolvemento Local entregou 15 agasallos.
O día, que transcorreu sen incidencias e cunha boa temperatura, contou entre os seus atractivos coa música de Oli Xiráldez e dos Campantes da Baña, ademais de obradoiros para a cativería, descensos en kaiak polo Xubia, o monográfico da Raza Can de Palleiro e degustacións.
Para agasallar o padal podíase parar en calquera posto con cousa de comer á venda, onde ofrecían porcións do xénero -queixos, chacinas, zumes, chocolates, etc.- como mellor maneira de publicitalo. E ademais tamén se podían probar anacos de froitas da horta de conservación -podíase votar polos mellores sabores e texturas para ir compoñendo unha relación de variedades predilectas polo público-, xunto con produtos da Fusquenlla e tamén da campaña Galicia sabe AMAR. De feito, o Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, achegouse pola tarde ata San Sadurniño para apoiar este proxecto da súa área e tamén para percorrer a Feira Rural na compaña de Secundino García e outros membros do executivo local.
A XV Feira Rural rematou pasadas as 20:00h. Agora tócalle a vez ao cine, co inicio en cousa de días dunha nova edición do Chanfaina lab.