A Feira Rural acollerá o XIV Monográfico Can de Palleiro

0

San Sadurniño acollerá o próximo 28 de agosto unha das probas morfolóxicas puntuables para o  trofeo Can de Palleiro do ano 2020/21 en Galicia, organizado polo Club Raza Can de Palleiro. O evento, programado no marco da Feira Rural, contará con tres categorías separadas en cada caso para machos e femias: mellor cachorro/moi cachorro, destinado ao xulgamento morfolóxico de animais de 3 a 9 meses; mellor animal xove -de 9 a 18 meses- e mellor animal adulto, é dicir, maior de ano e medio. Ademais, de entre todas as categorías tamén se elixirá a mellor cadela ou can do concurso. Quen teña un exemplar desta raza pode anotarse ata o 24 de agosto no correo candepalleiro@candepalleiro.com ou mandando un whatsapp ao 604 074 618.

Para poder participar é condición indispensable formar parte do Libro Xenealóxico da Raza supervisado polo propio club desde que a Xunta comezou a recuperación das razas caninas autóctonas de Galicia, hai máis de dúas décadas. Porén, no caso dos animais adultos -máis de 18 meses- deberán ter recibida a cualificación de aptitude para a reprodución dentro dos estándares morfolóxicos da raza Can de Palleiro.

O concurso de San Sadurniño -e todos os que desenvolve o club- rexerase pola normativa dos certames de morfoloxía  publicada pola Real Sociedade Canina de España. Esta será unha das probas da raza que se celebrarán dentro do trofeo ao mellor exemplar do ano 2020-21.

O XIV Monográfico da Raza Can de Palleiro comezará  o sábado 28 sobre as 16.30h coa inspección veterinaria dos animais inscritos e media hora despois iniciaranse as probas morfolóxicas nunha área valada duns 150 m². A participación no concurso é gratuíta, pero será obrigatorio cursar a solicitude a través do correo candepalleiro@candepalleiro.com  ou do whatsapp (só whatsapp) 604 074 618 antes das doce da noite do 24 de agosto.

Haberá que achegar os seguintes datos: nome do animal, microchip, data de nacemento, sexo, cor da capa, nome da persoa propietaria, NIF, enderezo, teléfono e correo electrónico. Tamén será necesario ter ao día a cartilla sanitaria do can ou cadela.

O obxectivo tanto do monográfico como do trofeo anual é apoiar o labor das persoas propietarias e favorecer a recuperación da raza canina autóctona Can de Palleiro. Ademais de organizar a proba, a entidade tamén terá durante toda a xornada da Feira Rural un posto de información sobre as actividades que desenvolve e sobre como facerse cun exemplar con pedigrí.

A feira será, polo tanto, un bo lugar para descubrir  unha raza que se coñece en Galicia desde antigo, aínda que durante moito tempo “can de palleiro” fose sinónimo de can sen caste. Froito de xeracións e xeracións de cruzamentos para obter un animal de garda e pastoreo, os traballos de identificación que se desenvolveron a finais do século XX deron como resultado a definición dun estándar racial que, unha vez recoñecido oficialmente, se comezou a recuperar con supervisión da Xunta e do Club Raza Can de Palleiro, depositario do libro de rexistro xenealóxico.

Share.