Á espera do DOG para confirmar como queda o mapa de restricións

0

A comparecencia do Presidente da Xunta do pasado luns para informar das decisións adoptadas no seo do Comité Clínico serviu para avanzar os tres niveis restritivos que se aplicarán en todos os concellos de Galicia a partir de mañá. Alberto Núñez Feijoo anunciou, no caso da nosa zona, que os municipios da Área Sanitaria de Ferrol quedarán no 2º Nivel, é dicir, con posibilidade de xuntárense un máximo de 4 persoas non conviventes, autorización para moverse entre concellos sen saír dos límites da área sanitaria -agás Moeche, que seguirá no nivel máximo por agora- e posibilidade de reabrir a hostalaría só con servizo en terrazas a un 50% até as 18.00h., aínda que poderán atender entregas a domicilio ou recollida nos locais despois desa hora. Estes son tres dos principais cambios que nos traerá este novo chanzo da desescalada que, porén, deben publicarse antes no Diario Oficial de Galicia para entrar en vigor. Feijoo adiantou que esa publicación se produciría “mércores ou xoves”, pero á hora de redactar esta información -as 12.00h.- a páxina do DOG aínda non reflectía nada ao respecto. Cabe agardar, polo tanto, que os correspondentes decretos saian ao longo da tarde e, en todo caso, antes da medianoite.

Segundo o anunciado, no Diario Oficial de Galicia marcaranse tres niveis de restricións. No 1º Nivel estarán os concellos cunha incidencia acumulada nos últimos 14 días superior aos 500 casos por cada 100.000 habitantes rexistrada a data de luns, momento no que se reuniu o Comité Clínico. Na nosa zona só se encontra nesta situación o concello de Moeche, onde continuarán as restricións actuais mentres non baixe a ratio de incidencia acumulada. Iso significa que o municipio seguirá con peche perimetral -non se pode entrar nin saír del, salvo nas excepcións previstas na normativa-, a hostalaría tamén seguirá coa persiana baixada -agás para reparto a domicilio ou entregas no local- e os grupos en espazos públicos e privados só poderán ser de persoas conviventes.

No 2º Nivel quedarán os concellos cunha incidencia acumulada a 14 días de entre 250 e 500 casos por cada 100.000 habitantes. Son 107 municipios das áreas sanitarias de Pontevedra, A Coruña e Ferrol, entre os que están San Sadurniño e os demais municipios da zona (agás Moeche). Neles permitiranse grupos de ata 4 persoas non conviventes -sempre con máscara- e a hostalaría poderá atender na terraza até as 18.00h. e sen sobrepasar o 50% das mesas, que -segundo ocorreu en períodos restritivos anteriores- deberán garantir a separación mínima de 1,5 metros tanto entre si como entre as persoas que senten arredor delas, que non poderán ser máis de 4.
O principal cambio con respecto ás medidas que se veñen aplicando desde hai meses é o levantamento de limitacións á mobilidade entre municipios. Desde este venres poderemos movernos libremente por todos eles -menos por Moeche-, sen saír en ningún caso do perímetro da área sanitaria. Son os concellos de Ares, Mugardos, Fene, Cabanas, Pontedeume, Monfero, A Capela, As Pontes, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Cerdido, As Somozas, San Sadurniño, Neda, Narón, Ferrol e Valdoviño. Malia recomendarse que os desprazamentos sigan sendo os esenciais, o levantamento destas restricións significa que poderemos circular e parar en calquera deses municipios sen necesidade de xustificantes.
Por último, a Xunta estableceu o 3º Nivel para concellos cunha incidencia acumulada inferior a 250 casos por cada 100.000 habitantes. Son os municipios das áreas sanitarias de Santiago-A Barbanza, Lugo, Ourense e Vigo. Neles permítese a apertura da hostalaría tamén no interior -sen superar o 30% do aforo nin o horario máximo das 18.00h.-, os grupos serán dun máximo de 4 persoas non conviventes e a mobilidade autorízase tanto dentro das respectivas áreas sanitarias como cara a outros territorios que se encontren no mesmo nivel de restricións. É dicir, nós en San Sadurniño non poderemos ir á Coruña (tamén no 2º Nivel), pero unha persoa de Vigo, que está no Nivel 3, si poderá achegarse, por exemplo, ata Ribadeo, por atoparse nese mesmo nivel básico de restricións.  En cambio, esa mesma persoa non poderá vir a San Sadurniño nin tampouco nós ir a Vigo.
Débese ter en conta, porén, que en toda Galicia seguirá activo o toque de recollida entre as 22.00 e as 06.00h., independentemente do nivel restritivo que se aplique, e que o paso por municipios pechados estaría permitido en tránsito cara a outras zonas polas que si poidamos movernos (pódese cruzar Moeche sen parar para ir á Barqueira, por exemplo).
O DOG que se publicará ao longo do día de hoxe tamén deberá recoller outras cuestións anunciadas o luns polo Presidente da Xunta, entre elas a apertura en fins de semana das áreas comerciais -coas medidas que sexan de aplicación en canto a capacidades e limitación de uso de zonas comúns- e a autorización para a reapertura de ximnasios e outras instalacións clausuradas nas últimas semanas. De feito, na intervención do luns precisouse que se permitirá a práctica deportiva en grupos de ata 4 persoas non conviventes -sempre usando a máscara- nos territorios en niveis 1 e 2, ademais de avanzarse que as clases presenciais na universidade se retomarán o próximo luns.
 Tamén se lanzaron varios avisos. O primeiro e máis importante é que se deben seguir cumprindo as medidas de autoprotección e as restricións mentres non se complete o proceso de inmunización por medio das vacinas (algo que aínda tardará meses). Outro é que as medidas por concellos se avaliarán mirando, principalmente, a incidencia acumulada a 7 días, de cara a responder con máis celeridade ante posibles repuntas da pandemia. E o terceiro: o Comité Clínico revisará semanalmente os datos epidemiolóxicos e decidirá que concellos poden seguir baixando o nivel de restricións e, de ser o caso, en cales se deberán reforzar por detectarse neles unha suba da incidencia.
Share.