A Escola Infantil Municipal ofrece unha bolsa FEUGA durante o curso que vén

0

A Escola Infantil Municipal A Rolada de San Sadurniño lanzou hoxe mesmo a convocatoria dunha bolsa formativa da Fundación Empresa Universidade Galega para o curso 2023-2024. Consonte os criterios marcados por FEUGA, as persoas candidatas deben estar inscritas como demandantes de emprego, ser menores de 31 anos e ter obtido o título de Formación profesional de grao superior en Educación Infantil nun centro público nos últimos tres anos. Para optar á beca dun ano de duración hai que enviar o currículum ao correo eim.sansadurnino@gmail.com. Amplían información no 981 490 369.

A bolsa mínima a xornada completa que ofrece FEUGA ascende a 512 euros, tendo en conta que as actividades que desenvolverá a persoa becaria serán de aprendizaxe supervisada e controlada por unha titora e en ningún caso como responsable das mesmas.

O programa vai dirixido a tituladas e titulados en centros de formación públicos -insistimos, públicos- que posúan o Grao superior de Técnico/a en Educación Infantil e que non conten con experiencia laboral. Neste sentido, a Fundación Empresa Universidade Galega estipula que se deben ter rematado os estudos nos tres anos anteriores como máximo e ser menor de 31 anos. Para optar á bolsa, as persoas solicitantes tamén deberán estar anotadas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

FEUGA contribúe á formación de arredor de 850 persoas todos os anos, por medio dunha iniciativa na que participan máis de 500 empresas. Segundo informa a fundación, ao remate do período de prácticas  acádase preto dun 60% de contratacións e o grao de satisfacción por parte das firmas como das bolseiras supera o 90%, tal e como reflicte a enquisa de resultados do 2021.

No caso da beca formativa ofrecida pola EIM A Rolada -que xa ten aberto o prazo de solicitude e información- trataríase dunha estadía durante o curso que vén, o 2023-2024. Para ampliar información sobre a bolsa pódese chamar ao 981 490 369 ou enviar un correo a eim.sansadurnino@gmail.com, enderezo onde tamén se recollen os currículums das persoas interesadas.

Un centro que aínda ten 14 vacantes
A Rolada dispón dun total de 38 prazas das que neste momento quedarían vacantes 14, distribuídas do seguinte xeito: 7 na aula de 0 a 1 ano, outras 5 prazas na aula de 1 a 2 e só 2 no curso de 2 a 3 anos, previo ao paso das nenas e nenos para o “cole de maiores”.

Todas aquelas familias que desexen matricular as súas crianzas na escola infantil municipal de San Sadurniño poden presentar a solicitude sen necesidade de baremacións nin esperas, posto que as prazas libres se irán asignando por orde de rexistro ata completar a capacidade do centro. Toda a información e o acceso ao procedemento atópanse nas seguintes ligazóns:

Documentación 
Acceso ao procedemento na Sede Electrónica (só para quen desexe facer a solicitude en liña con certificado dixital ou descargar os impresos)
Modelo de solicitude de praza
Regulamento de funcionamento
Ordenanza fiscal

 

Share.