A EIM A Rolada volve abrir as súas portas

0

Unha vez superado o tempo de corentena obrigatorio por mor dun gromo de COVID-19 que afectou á maior parte do alumnado e das mestras, a Escola Infantil Municipal A Rolada volveu abrir as súas portas esta mañá. Atrás quedan dúas semanas de peche decretado polo Concello en cumprimento das indicacións da Xefatura Territorial do SERGAS para conter a posibilidade de novos contaxios que, porén, acabaron alcanzando á práctica totalidade da comunidade educativa do centro, por sorte con sintomatoloxía leve. Tanto a rapazada como as mestras que foron dando positivo desde que se detectou o primeiro caso xa recibiron a alta.

A dirección da EIM A Rolada e o Concello ofrecéronlle información puntual ás familias desde o momento en que unha familia e unha das mestras alertaron de positivos por pcr xa na fin de semana do 15 de xaneiro, momento en que se contactou coas autoridades sanitarias para que indicasen a maneira de proceder.

Co paso dos días -e coa cativería xa na casa desde o luns- o número de casos foi incrementándose e, tal e como trasladaron as propias familias, sen síntomas ou con efectos  moi leves, maiormente toses, mocos e algunhas décimas de febre.

Malia a corentena que obrigou a pechar a EIM, as nenas e nenos seguiron traballando puntualmente desde a casa. Segundo explicaba esta mañá a directora da escola, Lucía Formoso, as mestras seguiron en contacto coas familias para facerlles chegar ás crianzas lecturas de contos e outras actividades.

Aínda que a escola ten matriculadas 21 meniñas e meniños, hoxe contábase que regresasen ás aulas 15 crianzas. Das seis restantes só dúas permanecen na casa por motivos preventivos, en espera de que se verifique se son ou non contacto estreito dun positivo.

 

Share.