O Concello de San Sadurniño publicou hai uns días a listaxe definitiva de alumnado admitido na Escola Infantil Municipal A Rolada para o curso 2025-2026. O documento, aprobado por resolución da alcaldía, recolle a concesión de 16 prazas, repartidas entre as unidades de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos. Concretamente, 8 nenos e nenas foron admitidas na unidade de 1 a 2 anos, mentres que outras 8 criaturas teñen praza na unidade de 2 a 3 anos. As familias, ás que xa se lles comunicou a concesión tan pronto como foi publicada a resolución, teñen ata finais desta semana para formalizar a matrícula, que volve ser gratuíta -igual que os servizos educativos- grazas a que o Concello e a Xunta asumen os custes do servizo. Por outra banda, o Consistorio tamén ten en marcha o procedemento para a contratación da xestión da atención e o proxecto educativo da escola. O contrato está cifrado en 344.000 euros para os próximos catro anos.
A distribución da ocupación de cada unidade realizouse, coma sempre, abrindo en marzo un prazo inicial para a reserva das prazas do alumnado que xa está matriculado no centro este ano -as meniñas e meniños de 0 a 1 e de 1 a 2 anos- e, unha vez rematado, abriuse outro período para solicitudes de nova incorporación ao centro no que se ofertaron todas as prazas non cubertas durante o tempo de reservas.
A área municipal de Igualdade, que xestiona todas as solicitudes, non tivo que acudir aos criterios de prelación establecidos no regulamento, posto que en todas as aulas houbo menos solicitudes que prazas dispoñibles. E é que as tres unidades da EIM A Rolada poden coidar dun total de 38 nenas e nenos: 8 na unidade de 0 a 1 ano, 13 na de 1 a 2 anos e 17 na de 2 a 3 anos. Só houbo solicitudes para cubrir algo menos da metade da oferta, concretamente 8 peticións na aula intermedia e outras 8 para a das crianzas de maior idade.
Malia que neste momento, en principio, só habería 16 nenas e nenos para iniciar o curso en setembro, esta cifra pode variar e seguramente varíe nas próximas semanas por varias razóns. A primeira é que pode haber familias -as menos- que piden praza en máis dun centro da zona e despois elixen o que mellor se axuste ás súas necesidades de conciliación por proximidade e horario.
A segunda razón da mudanza máis que segura no número de matrículas é que tamén hai familias que solicitarán o servizo a partir de agora por distintos motivos: porque veñan vivir ou traballar a San Sadurniño ou aos arredores, porque o decidisen despois dos prazos iniciais de solicitude ou porque non obtivesen praza noutras escolas ou puntos de atención á infancia da comarca.
En calquera caso, todas aquelas nais e pais que queiran traer as súas crianzas á EIM de San Sadurniño deben saber que, de confirmarse as 16 prazas que hai asignadas neste momento, aínda quedarían por cubrir as 8 vacantes na unidade de bebés, outras 5 na aula de 1 a 2 anos e 9 prazas libres da unidade de 2 a 3. Esas prazas irán asignándose por orde de solicitude unha vez se complete o actual período de matriculación, momento no que tamén se saberá o número exacto de vacantes en cada unidade.
O servizo de conciliación é gratuíto en canto a matrícula e custes de atención (non así os servizos complementarios como é o caso do comedor). Ademais, en cumprimento da orde autonómica de gratuidade, a Xunta subvenciona unha parte do mantemento e dos servizos educativos, mentres que o Concello asume a outra parte para garantir que a atención sexa realmente de balde para as familias.
O Concello licita a xestión do servizo
Tal e como figura na Plataforma de Contratación co Sector Público, o Concello de San Sadurniño ten en marcha o procedemento de contratación da xestión da Escola Infantil Municipal A Rolada durante os próximos catro anos, sobre un prezo total de 344.000 euros.
A empresa adxudicataria será a responsable de prestar un servizo integral que inclúa tanto a atención educativa como a alimentación, coidado e hixiene das crianzas de 0 a 3 anos. Ademais da xestión administrativa do centro e o asesoramento ás familias, deberá desenvolver e aplicar un proxecto educativo propio que sirva de guía para a actividade docente e para a atención á diversidade, adaptado ás características da comunidade e do contorno.
De existir matrículas suficientes, o servizo deberá prestarse de luns a venres, cun horario ampliado que poderá ir das 8:00 ás 20:00 horas segundo a demanda.
O contrato tamén inclúe o servizo de comidas -almorzo, comida e merenda-, a limpeza xeral das instalacións e o mantemento básico tanto do interior como das zonas exteriores do centro.
En canto ao persoal, a empresa deberá contar cun equipo mínimo de seis persoas: unha de dirección, tres con funcións educativas, unha de apoio e outra de servizos xerais. Este persoal será contratado directamente pola entidade adxudicataria e deberá reunir os requisitos de formación e experiencia que establece a normativa vixente para este tipo de centros.
O Concello conta con ter resolto todo o procedemento antes do verán, co obxectivo de que o curso 2025-2026 comece xa co novo contrato o día 1 de setembro.