A EIM A Rolada permanecerá pechada os próximos días tras detectarse un positivo entre o alumnado

0

A Escola Infantil Municipal A Rolada pechou a primeira hora desta mañá as súas instalacións tras confirmarse a detección dun caso positivo de coronavirus entre o seu alumnado. A dirección do centro e mailo Concello adoptaron a medida en coordinación coas autoridades sanitarias, quen xa dispoñen de toda a información para facer seguimento de posibles novos contaxios.

Tanto as mestras como toda a rapazada da escola teñen a consideración de contactos estreitos, polo que deberán gardar corentena durante os próximos 10 días e, segundo lles informou o SERGAS, someterse ás correspondentes probas PCR.

Prégaselles ás familias que permanezan atentas ao teléfono para seguir as indicacións que lles dean as autoridades sanitarias e que, mentres non reciban esas indicacións, limiten ao estritamente necesario as súas interaccións sociais fóra do domicilio.

Cómpre recordar que se se nota algún síntoma coincidente co da COVID-19 -febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos- hai que contactar de inmediato co 900 400 116 para comunicalo, en ningún caso se debe acudir directamente ao centro de saúde.

Protocolo sobre contactos estreitos publicado polo SERGAS

Share.