A EIM A Rolada aínda ten 20 prazas libres para o curso 21-22

0

A Comisión de seguimento e control da EIM A Rolada publicou antonte o listado provisional de solicitudes admitidas para o próximo curso e xa está informando ás familias sobre a adxudicación das prazas, que deberán confirmarse efectuando a matrícula no prazo de 15 días unha vez que o listado se eleve a definitivo e se lles notifique individualmente a cada unha delas. En total, a día de hoxe, habería 18 prazas cubertas, 7 na unidade de 1 a 2 anos e 11 na de 2 a 3, mentres que a das nenas e nenos máis pequenos, a de 0 a 1 ano, tería todas as súas prazas dispoñibles. Así, de confirmárense todas as peticións, no centro aínda habería capacidade para atender 20 crianzas: 8 na unidade de bebés, 6 na de rapazada entre 1 e 2 anos e outras 6 no curso de 2 a 3 anos. Todas estas vacantes -e outras que poidan quedar á volta do período de matriculación- poderán solicitarse unha vez que o listado de prazas adxudicadas neste momento sexa definitivo.

A EIM A Rolada oferta todos os anos 38 prazas repartidas entre as súas tres unidades. Na primeira quincena de marzo abriu o prazo para que as familias con rapazada xa matriculada no centro en 0-1 ano e en 1 a 2 puidesen facer a reserva de cara ao curso que vén, mentres que na segunda metade dese mesmo mes abriu o período de solicitude de novas incorporacións en calquera das tres unidades, atendendo ao número de prazas dispoñibles tralas reservas.

O Concello admitiu todas as peticións presentadas tanto na primeira como na segunda quenda, de maneira que de cara ao curso 2021-2022 o centro contará inicialmente con 18 meniñas e meniños distribuídos entre as unidades de 1 a 2 anos e de 2 a 3, posto que para a incial, a de 0 a 1 ano, non houbo ningunha petición.

Os datos de ocupación son por agora unha previsión que seguramente se vexa incrementada de aquí ao ano que vén. E é que as familias solicitantes deberán confirmar a súa praza tramitando a matrícula no momento en que o listado de admisións se eleve a definitivo -terán 15 días de prazo desde que reciban a notificación- e pode darse o caso de que algunha opte por outro centro de conciliación, co que se reduciría o número de matrículas e medraría o de prazas dispoñibles.

Porén, isto é pouco habitual e, de feito, o máis frecuente nos últimos anos vén sendo que todas ou case todas as familias confirmen a praza solicitada e que, ademais, vaian incorporándose aos poucos máis nenas e nenos a cada unidade, mesmo co curso xa empezado.

Os motivos de agardar para solicitar praza son varios, pero os máis habituais son os de familias que acaban de ter ou van ter proximamente unha crianza e prefiren meditar ben durante a baixa materna/paterna se levala á escola infantil, ou ben os de familias que nestes momentos poden atender os pequenos porque un dos seus membros está na casa pero que, máis adiante, por razóns laborais -ou outras- deben recorrer a este servizo para conciliar.

En calquera caso, neste momento hai asignadas provisionalmente 18 prazas e quedarían dispoñibles 20: 8 na unidade de 0 a 1 ano, 6 na unidade de 1 a 2 anos e 6 na unidade de 2 a 3. As xa adxudicadas son maioritariamente de San Sadurniño -12 solicitudes-, aínda que tamén se rexistraron tres peticións de Narón e outras tres de familias de Ferrol, A Capela e As Pontes.

O listado provisional de admisións e os servizos solicitados está dispoñible  no tablón de anuncios do Concello, no taboleiro dixital do procedemento -na Sede Electrónica municipal- e na galería da escola infantil. As familias teñen 10 días naturais para presentar alegacións e unha vez finalice ese prazo volverá reunirse a Comisión de seguimento para avaliar as posibles reclamacións -seguramente ningunha, xa que todas as solicitudes foron admitidas- e elevar a lista a definitiva. A partir dese momento notificaráselles ás familias individualmente a concesión da praza. Desde a recepción da notificación disporán de 15 días para formalizar a matrícula presentando a documentación requirida preferentemente pola Sede Electrónica municipal.

 

Share.