San Sadurniño, igual que o resto da comarca e parte de Galicia e do Estado, viviu este mércores unha desas xornadas que ficarán na memoria colectiva para sempre. A eclipse solar total de 2026, un fenómeno que non tiña precedentes semellantes desde había máis dun século, cumpriu todas as expectativas e deixou imaxes e emocións difíciles de esquecer. O bo tempo acompañou de principio a fin e permitiu seguir o espectáculo astronómico en condicións excepcionais nun dos territorios privilexiados para a súa observación, tanto pola situación xeográfica do noso concello como polo grande número de lugares cunha vista espectacular cara ao horizonte.
Desde primeira hora da tarde notábase que non era un día calquera. Miradoiros, altos e puntos de observación repartidos polo municipio recibiron a centos de persoas que escolleron San Sadurniño para contemplar un fenómeno que a maioría nunca viran e que probablemente non volverán ver nas súas vidas.
O Pico de Ferreira foi un dos lugares con maior ambiente, con arredor de medio cento de veciñas e veciños -e algunha que outra persoa visitante- reunidos para compartir a espera do momento decisivo coma se dunha romaría se tratase. A escena evocaba aqueles ascensos ao cume de antano para buscar remedio ás doenzas deitándose na cama de pedra do santo, substituíndo nesta ocasión a devoción relixiosa pola fascinación do nunca visto no ceo. Tal foi o ambiente que incluso houbo quen subiu ao Pico con silla, mesa e merenda para pasar unha espera entretida e continuar despois mirando o ceo, xa que estes días tamén estamos no momento máis intenso das Perseidas (as bágoas de San Lourenzo).
A eclipse comezou pasadas as 19:30 horas co primeiro contacto, o instante en que a Lúa empezou a pasar por diante do Sol. A partir de aí, o avance foi lento e hipnótico: pouco a pouco o noso satélite foi ocultando a superficie do disco solar, reducindo a luz e transformando a paisaxe. A temperatura baixou, as sombras mudaron e a sensación de estar asistindo a algo extraordinario fíxose cada vez máis intensa.
E chegou a totalidade. Pouco máis dun minuto e medio no que se fixo noite en pleno serán e no que o silencio deu paso á emoción compartida. A coroa solar apareceu no ceo e, durante ese breve intre, o tempo pareceu deterse. Aplausos, exclamacións e algún que outro xuramento de emoción acompañaron o feitizo astronómico nun momento que moitas persoas describiron como abraiante, épico e imposible de transmitir por completo cunha fotografía ou cun vídeo.
En San Sadurniño a xornada desenvolveuse con absoluta normalidade. En xeral, a veciñanza e as persoas visitantes amosaron unha grande concienciación sobre a importancia de observar o fenómeno con protección homologada e seguir as recomendacións de seguridade difundidas durante as semanas previas. O resultado foi unha tarde histórica, vivida con responsabilidade e cunha emoción colectiva que confirmou que, a pesar de sorprendernos con cada vez menos cousas, a natureza segue sendo capaz de deixarnos sen fala.

A coroa solar, momento central da eclipse (César Galdo)

As perlas de Baily -parte inferior dereita-, un dos momentos que as fotógrafas e fotógrafos afeccionados tentan capturar (César Galdo)

O anel de diamante, outra das cobizadas instantáneas que non pode faltar na serie fotográfica dunha eclipse (César Galdo)