A derradeira “Algueirada de inverno” celébrase este sábado en Ferreira

0

A Concellaría de Cultura poralle o ramo este sábado 2 de abril ao programa “Algueiradas de inverno”. E o de poñer o ramo vai con segundas, xa que unha das intencións do Concello é celebrar tamén a chegada da primavera. Por iso, ademais dun espectáculo infantil con Teatro Calavera e da actuación de Encrucillada (suspendida), na cita tamén se premiarán as composicións florais e/ou de verde máis rechamantes. O encontro terá lugar no local social da Seara, en Ferreira, a partir das 17:00h.

O ciclo “Algueiradas de inverno” rematará en Ferreira xa ben entrada a primavera co espectáculo familiar de Teatro Calavera titulado “Animaladas na selva”. A actriz Marián Rei interpreta nesta ocasión á científica Jeanne Baret, a primeira muller que lle deu a volta ao mundo enrolada na expedición francesa de mediados do século XVIII que encabezou Louis Antoine de Bougainville. Baret fíxose pasar polo axudante do botánico de a bordo Philibert Commerson e, de feito, hoxe sábese que foi ela quen fixo a maior parte do traballo de catalogación das especies descubertas durante os tres anos que durou a viaxe.

Así, Baret proporalle á rapazada de entre 3 e 10 anos unha apaixoante aventura cargada de humor e música que escolma algúns dos contos máis coñecidos protagonizados por animais, reivindicando ao mesmo tempo unha figura clave da historia da ciencia.

“Animaladas na selva” chegará ao local social da Seara “en primicia mundial” tal e como comentaba esta mañá Marián Rei e, deseguido, subirá ao pequeno escenario o grupo folk Encrucillada, repasando os temas do seu disco “Marbán” e engadíndolles outros, tamén en primicia, gravados recentemente para o que posiblemente sexa o seu próximo traballo. (suspendida por un positivo COVID, proximamente programarase unha nova data)

A tarde do sábado completarase cunha merendada a base de chocolate e biscoito e co concurso para elixir os tres ramos de flor e planta máis fermosos.

Ponse como condición que os ramos non sexan comprados e que se confeccionen con flor e verde silvestre que poida atoparse pola zona ou que teñamos nos nosos xardíns. Os premios -concedidos por un xurado e pola valoración do público- son tres vales para gastar en establecementos do concello.

Share.