A Deputación publica dous anuncios importantes

0

O Boletín Oficial da Provincia de hoxe publica dous anuncios de certa relevancia para a veciñanza de San Sadurniño. Un deles é o anuncio do inicio do prazo voluntario de pagamento do IVTM -a famosa “rodaxe”- que a partir deste ano, ao igual que outros impostos periódicos cuxo cobro está delegado na Deputación, se poderá pagar en dez mensualidades. Para acollerse a esta posibilidade será necesario solicitalo antes do 30 de abril. Por outra banda, no BOP tamén saíu publicada a corrección de erros aprobada hai uns días en pleno relativa ás bolsas para os estudos obrigatorios, onde se precisan os supostos que darán dereito á axuda municipal. Esta corrección non inflúe no prazo de presentación da solicitude, que finaliza o próximo 9 de abril.

O Plan Individualizado de Pagos  é unha opción voluntaria para satisfacer impostos e taxas delegados en Deputación e, ademais, pode solicitarse para un ou máis recibos. Por exemplo, podemos solicitar o pagamento da contribución mes a mes e, en cambio, pagar dunha vez a “rodaxe” do coche. E se cambiamos de idea podemos solicitar en calquera momento -con efectos ao ano seguinte-  dividir en prazos uns recibos ou volver satisfacer outros nun único pago, segundo nos conveña, incluso sen telos domiciliados.

As domiciliacións deste plan de pagos hai que solicitalas cubrindo a correspondente folla dispoñible na web da Deputación, na que tamén se sinala outra documentación que se debe achegar xunto cos datos bancarios debidamente cubertos. Os documentos poden rexistrarse na Oficina Virtual Tributaria da Deputación (con Clave, Certificado Dixital ou DNI electrónico), na delegación do Servizo de Recadación -situada en Esteiro, con cita previa-, ou cursala a través do rexistro municipal.

Esta modalidade de pagamento poderá solicitarse en calquera momento do ano, pero débese ter en conta que a súa aplicación se fará efectiva ao ano seguinte, sempre e cando estea aprobada antes do 1 de xaneiro. Así, os recibos cargaranse en conta os días 5 de cada mes de xaneiro a outubro.  Porén, no caso do presente exercicio, o de 2021, a Deputación fai unha excepción permitindo que as solicitudes se presenten ata o 30 de abril  (as que entren despois desa data aplicaranse a partir de 2022) e dividindo os recibos que estean ao cobro en sete meses, de maio a novembro, en vez de partilos en dez veces.

No caso de San Sadurniño trátase só, por agora, do IVTM, cuxo período voluntario de pagamento permanecerá aberto do 1 de abril ao 15 de xullo. Porén, o Concello fixo unha consulta aos Servizos povinciais esta mañá e desde Recadación informáronlle de que o fraccionamento se poderá solicitar tamén para os demais impostos e taxas cuxo cobro está delegado na Deputación -lixo e IBI rústico e urbano-, aínda que para iso fará falla que o ente provincial poña en marcha un aplicativo interno de xestión que lle permita tramitar as solicitudes, posto que neste momento non é posible saber os números de referencia dos recibos que aínda non se puxeron ao cobro e que fai falla indicar na folla de petición. En calquera caso  cómpre ter presente que para acollerse á opción do pagamento mensual non debe haber pendentes débedas en período executivo.

Insistimos: o Plan Individualizado de Pagos é algo opcional, non é obrigatorio solicitalo se non se quere. O que si se recomenda por unha cuestión de comodidade é aproveitar o período voluntario para domiciliar os recibos, algo que nos evitará ter que estar pendentes todos os anos de ir ao banco facer o ingreso.

Para calquera dúbida pode contactarse cos servizos provinciais no 900 132 204 ou ben chamar ao 981 355 795 pertencente á Oficina de Recadación da Zona 2, situada na rúa Naturalista López Seoane -5-7, en Esteiro, que nestes momentos segue atendendo só con cita previa.

Modificación das bases das bolsas escolares
O outro anuncio publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia é a entrada en vigor da corrección de erros das bases das bolsas escolares aprobada no pleno da semana pasada. Trátase dunha modificación mínima que só consiste en precisar aínda máis as condicións de acceso ás bolsas para estudos obrigatorios. A convocatoria deste ano vinculouse a que a rapazada de Educación Primaria e ESO para a que se solicite a beca sexa beneficiaria das axudas establecidas na orde do 12 de maio de 2020 da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. A modificación sinala a este respecto que se poderá cumprir tanto o apartado “b” como o “c” do artigo 1 da liña autonómica, é dicir, que a nena ou neno se beneficie indistintamente das axudas para adquirir libros de texto ou para a compra de material escolar, algo que se acreditará cunha certificación expedida pola dirección do centro escolar.

Este pequeno cambio nas bases non lle afecta nin ao contido nin á finalidade das axudas, para as que o Concello reserva unha partida de 40.000 euros (nesa contía inclúense as achegas para segundo ciclo de Educación Infantil, para estudos postobrigatorios e para servizos de conciliación na EIM A Rolada). Tampouco se modifica o prazo de solicitude, que remata o próximo 9 de abril.

 

Share.