A Deputación mellorará a seguridade da estrada DP-7603 desde O Coval ata A Golpilleira

0

O pleno da Deputación da Coruña celebrou onte pola mañá a sesión adiantada que tocaría o venres. Nela aprobáronse varios paquetes de obras viarias que inclúen a renovación do firme no tramo da DP-7603 que vai desde O Coval, en Valdoviño, até A Golpilleira, en Santa Mariña do Monte. O ente provincial reservou para esta actuación unha partida de 448.457 euros, que se destinarán ao aglomerado dos arredor de cinco quilómetros que unen ambos puntos, así como á sinalización horizontal e vertical do trazado. Desde o Goberno local valórase “positivamente” o investimento, aínda que tamén se puntualiza que “o máis conveniente” sería empezar a reparación na outra metade da estrada, a que enlaza o centro urbano de San Sadurniño co núcleo principal de Santa Mariña.

O principal argumento, segundo comentaba esta mañá Secundino García, é que o percorrido desde o Campo da Feira ata A Golpilleira “é o máis poboado de toda a estrada provincial e o que obxectivamente soporta máis tráfico”, ademais de ser tamén o que presenta “un trazado máis irregular e cun maior número de curvas”.

Considera o rexedor que “o máis conveniente para a veciñanza de San Sadurniño” sería iniciar as obras “no quilómetro cero”, situado xusto á saída do centro urbano de San Sadurniño “e non empezalas polo final”.

Neste sentido, o rexedor confía en que a Deputación execute en próximos programas viarios “a outra metade da estrada ata chegar a San Sadurniño”, tal e como ocorreu, por exemplo, co enlace entre Valdoviño e Sedes -tamén de titulariedade provincial-  “que se foi facendo en tramos”.

García engadíu, con todo, que o anuncio “é unha nova moi positiva” que non só permitirá dotar de maior seguridade cinco quilómetros da DP-7603, senón tamén reforzar unha estrada “na que se fixeron varias reparacións nos últimos anos, a máis recente hai pouco máis dun ano botando unha rega asfáltica entre A Golpilleira e A Esperanza”.

O alcalde recordou, por último, que a reparación da vía provincial conectará con dúas pistas municipais xa aglomeradas (a da Golpilleira a Moimentos e a da Golpilleira a Castrelo) que conectan con outros eixos interiores das parroquias de Santa Mariña e Bardaos construídos con este mesmo tipo de firme.

Share.