A Deputación financia con 127.000 o acondicionamento da nave de Servizos

0

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela, asinaron esta mañá na Casa do Concello o convenio nominativo para o financiamento das obras de reparación da nave de Obras e Servizos. O inmoble, adquirido recentemente pola Administración local, será sometido a unha rehabilitación centrada na substitución da cuberta, no acondicionamento interior e na instalación de novas carpintarías, ademais de avanzar na súa integración paisaxística. O importe do proxecto -que o Concello licitará en breve- aproxímase aos 159.000 euros. O ente provincial achegará 127.000, o 80% do investimento previsto.

A intervención obxecto do acordo será a primeira fase do plan municipal para reparar a coñecida como “Nave de Carnero”, que é desde hai máis de tres décadas a base operativa do departamento de Obras e Servizos. Alí están os tractores, os camións e outra maquinaria municipal, ademais de ser almacén para equipamento relacionado co abastecemento de augas ou a recollida de lixo e voluminosos. A nave tamén é o lugar onde se encontran os vestiarios do persoal e onde se garda algunha documentación necesaria para a levanza do servizo.

O Concello tivo a nave alugada durante case tres décadas e, finalmente, a comezos de 2025 accedeu á súa propiedade, dándolle deste xeito vía libre ao deseño dun proxecto para rehabilitar a cuberta, a estrutura e iniciar a súa integración visual e ambiental na contorna.

O alcalde explicou  trala sinatura do convenio coa Deputación, que a achega provincial non só permitirá “mellorar as instalacións para o persoal e os equipamentos”, senón tamén “adecentar un espazo que está moi preto dunha zona de alto valor ambiental e patrimonial”. O rexedor engadiu que o consistorio agarda poder licitar as obras “en breve” para acelerar no posible a súa execución, avanzando ademais que nunha fase posterior -que o Concello ten practicamente definida- se acometerían novas melloras no interior do inmoble e a súa “integración definitiva no circuíto natural e ambiental que configuran o paseo fluvial do Xubia e os xardíns municipais”.

Xosé Regueira destacou, pola súa banda, que “os recursos públicos deben servir para dar resposta ás necesidades dos concellos e, ao mesmo tempo, para dinamizar o territorio e fortalecer o seu tecido socioeconómico”. Neste sentido, subliñou que “investir nos servizos municipais e nas infraestruturas que os fan posibles é tamén investir na capacidade dos concellos para xerar actividade, mellorar a calidade de vida da veciñanza e crear condicións máis favorables para o desenvolvemento”.

O vicepresidente provincial salientou ademais a importancia da colaboración entre administracións para “multiplicar o impacto dos recursos públicos”, especialmente nos concellos de menor tamaño, e puxo en valor que actuacións como a de San Sadurniño “permiten mellorar a prestación dos servizos públicos, optimizar os medios municipais e favorecer un modelo de desenvolvemento máis equilibrado e sostible”.

O investimento está cifrado en 158.750 euros. Por medio do acordo subscrito esta mañá na alcaldía, a Deputación da Coruña comprométese a achegar o 80% do financiamento, que veñen sendo 127.000 euros.

Share.