A Deputación da Coruña colabora con máis de 134.000 euros na contratación de persoal municipal

0

San Sadurniño, igual que outros concellos da provincia, solicita ao longo do ano as distintas convocatorias que se lanzan desde a Deputación da Coruña para o financiamento dos custes de contratación de persoal, xa sexa de carácter fixo ou temporal. Nas últimas semanas foron publicándose as resolucións coa concesión das axudas, que no caso do noso municipio suman un total de 134.800 euros. As partidas máis importantes son as destinadas a cofinanciar os salarios das traballadoras de administración de Servizos Sociais e das profesionais do SAF, así como a da liña PEL Concellos, deseñada para a integración laboral de persoas con dificultade para atopar un traballo.

Por áreas, o Concello percibirá 53.800 euros no capítulo de Servizos Comunitarios, repartidos en tres apartados: 18.000 euros para o financiamento de postos de administración C1 ou C2, outros 22.000 referidos ao persoal técnico de categoría A2, e 13.800 euros de cofinanciamento dos salarios das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar.  Neste capítulo tamén podería encadrarse a subvención da contratación da técnica de Igualdade, pola que o Concello percibirá unha achega de 22.000 euros.

Outros 30.000 euros de achega provincial -obtidos a través de dúas convocatorias distintas- dedicaranse a partes iguais a sufragar parte dos custes salariais dos dous técnicos municipais de xestión cultural e deportiva.

Por último, San Sadurniño tamén se acolleu este ano á liña do PEL Concellos,  deseñada para favorecer a integración laboral de persoas en situación de desemprego.  A contía asignada polo ente provincial ascende a 28.000 euros, unha cifra idéntica á do ano pasado, cando se ofreceron dous contratos temporais de 5,5 meses de duración facendo labores de limpeza, recollida do lixo e apoio ao departamento de Obras e Servizos. Nuns días iniciarase o procedemento de selección dos contratos temporais que se ofrecerán neste 2024, previsiblemente dous e coa mesma duración.

Share.