A Deputación convoca as axudas do Plan de Emprego Local para este ano

0

O Boletín Oficial da Provincia publicou esta mesma semana a convocatoria de axudas das liñas de axuda do Plan de Emprego Local (PEL) para a anualidade 2019, dirixidas a pequenas, medianas empresas, microempresas e persoas autónomas. O obxectivo das subvencións é, segundo o ente provincial, é contribuír á consolidación e fortalecemento do tecido empresarial nos concellos da provincia da Coruña, axudando  á creación de emprego e ao financiamento de investimentos e actividades. O prazo de presentación de solicitudes  remata o día 22 de abril de 2019, ás 14:00h.

Este é o terceiro ano que se convocan estas liñas de axudas, cunha partida para este ano de 5.260.000 euros, dos que 3 millóns se destinan a subvencionar a contratación de persoas e 2,26 millóns a financiar novos investimentos en actividades en empresas de recente creación.

PEL-PEMES subvenciona ata o 75% na contratación de persoal
A liña PEL-PEMES subvencionará ás pemes situadas nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña para a contratación laboral dunha persoa en situación de desemprego durante un período de 12 meses. A Deputación financiará o 75% do soldo e a Seguridade Social da persoa contratada, ata un máximo de 16.500 euros anuais.

O período de contratación subvencionable abarca desde 1 de xaneiro de 2019 e ata un máximo de dous meses posteriores á data de concesión das axudas.

Habilítase tamén unha liña PEL-PEMES Mantemento, que subvencionará as contratacións laborais indefinidas das entidades subvencionadas na convocatoria anterior do programa, de maneira que as empresas beneficiarias da convocatoria anterior poidan optar a unha nova axuda para manter o posto de traballo creado en 2018 durante 12 meses máis, financiándose o 50% do soldo e seguridade social cun importe máximo da axuda de 11.000 euros.

PEL-Emprende, axudas para investimentos e actividades
Na liña PEL-Emprende Investimento financiaranse a realización de investimentos en bens inventariables novos e necesarios para o desenvolvemento da actividade en empresas cunha antigüidade máxima de 5 anos. As axudas cubrirán ata o 80% do investimento, cun máximo de 20.000 euros de axuda a fondo perdido, para a compra de aplicacións informáticas, maquinaria, útiles, mobiliario e equipos para procesos de información.

Na liña PEL-Emprende Actividades contémplanse axudas para subvencionar as actividades e/ou actuacións no desenvolvemento da iniciativa empresarial nos ámbitos de Responsabilidade Social Empresarial, Marketing, comunicación, competitividade e expansión en empresas cunha antigüidade máxima de 10 anos. As axudas cubrirán ata o 80% do orzamento da actividade, cun máximo de 4.800 euros.

Os investimentos e as actividades subvencionadas nas liñas PEL Emprende, deberán ser realizadas no período comprendido entre 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.

É preciso destacar que o programa segue valorando con maior puntuación a presenza feminina e a de persoas con diversidade funcional na participación do capital das empresas e, como novidades principais das liñas 2019, destacan as seguintes:

  • Valoraranse cunha maior puntuación as empresas enmarcadas na economía social como as cooperativas e sociedades laborais.
  • Outorgarase unha maior puntuación a aquelas solicitudes  presentadas por empresas ou persoas autónomas que non fosen beneficiarias na convocatoria anterior, co obxectivo de poder chegar a máis empresas do territorio.
  • Tamén se valorarán especialmente aquelas empresas enmarcadas nas actividades económicas consideradas con mellores perspectivas segundo a Estratexia Española de Activación para o Emprego (EEAE 2017-2020), como son as de Hostalería e turismo, recuperación do comercio polo miúdo, comercio por xunto, transporte e loxística, educación, sanidade, servizos sociais, servizos avanzados ás empresas…

A solicitude das axudas só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma Subtel. Todos os anexos requiridos para a presentación das candidaturas poderán ser descargados na plataforma SUBTEL, na sección correspondente ás diferentes convocatorias.

O prazo de presentación das solicitudes abrirase mañá día 21 de marzo e se pechará o día 22 de abril de 2019, ás 14:00h. Poden consultarse as bases reguladoras no Boletín Oficial da Provincia nº 45 do día 6 de marzo de 2019 e na páxina web da Deputación da Coruña https://emprego.dacoruna.gal.

Ligazóns:
Pel Emprende
Pel Pemes

Share.