A Deputación adxudica a reparación do último tramo da DP-7603

0

A Deputación provincial da Coruña acaba de adxudicar en 388.114,99 euros o aglomerado do tramo que faltaba por reparar da DP-7603. As obras abranguerán desde o punto quilométrico 0,300 até o 4,200, é dicir, desde a saída da Agra de Arriba até A Pena, en Santa Mariña do Monte, xusto no punto onde rematou a anterior fase, executada en 2022. Desta maneira quedará completada a renovación da estrada que enlaza o núcleo urbano de San Sadurniño con Valdoviño. O ente provincial tamén ten previsto executar a conexión do centro urbano co Fabal, en Lamas, por medio dun proxecto que tivo que ser modificado por causa da afección patrimonial do castro de Riboira. 

Segundo a Deputación, os traballos na estrada que vai a Santa Mariña consistirán na extensión dunha nova capa de rodadura de firme aglomerado tanto na calzada como nas beiravías, aínda que antes será necesario sanear os desperfectos máis profundos e tamén limpar ben toda a superficie.

Cubrirase unha distancia de 3,9 quilómetros, concretamente os comprendidos entre a Agra de Arriba, á saída de San Sadurniño, e algo máis adiante do mesón Os Cazadores, no lugar da Pena, en Santa Mariña, aínda que á altura de Silvalonga a Deputación xa ten reparado un pequeno tramo.

Unha vez se  execute o proxecto -na licitación establecerase un prazo máximo de tres meses- quedará listo todo o eixo que enlaza o centro municipal de San Sadurniño co cruzamento do Coval, en Valdoviño. Secundino García Casal comentou que, deste xeito, daráselle cumprimento a unha petición municipal “que levábamos facendo máis de dez anos”.

O rexedor lembrou que en 2011 o Concello lle solicitou á Deputación presidida daquela por Diego Calvo tanto a reparación da vía como a construción de sendas peonís. Porén non foi até 2015 xa co bipartito PSOE-BNG cando, segundo García Casal, “empezaron a producirse avances na seguridade da estrada, facendo primeiro a senda peonil da Golpillera  e levando a cabo despois dúas actuacións máis coas que se veu aglomerando desde o Coval ata A Pena”.

Reparación da estrada e construción dunha senda peonil ata Riboira
O alcalde agarda que as obras comecen en breve e confía en que a seguinte grande actuación na rede provincial poida ser a mellora da estrada de Ferreira, tamén de titulariedade provincial. Secundino García Casal tamén considera urxente darlle o impulso definitivo ao proxecto da DP-7302 que enlazará o Campo da Feira -á saída do núcleo urbano de San Sadurniño- coa AC-862 en Riboira.

Como se recordará, a Deputación da Coruña deseñou un proxecto para anchear e aglomerar a estrada, que incluirá a construción dunha senda peonil por unha das marxes. O ente provincial fixo o levantamento de actas previas e completou o proceso de expropiacións necesarias hai case tres anos. Porén, a idea inicial bateu co informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio, debido ás afeccións da senda sobre a zona de protección do castro de Riboira.

“A Deputación tivo que refacer parte do proxecto cambiando a senda peonil para a outra marxe da estrada. É unha modificación mínima e agardamos que a tramitación poida proseguir con normalidade e que esta actuación se poida executar tamén o antes posible”, comenta o rexedor. García Casal lembra, ademais,  que esta actuación “naceu a raíz dunha proposta municipal que lle presentamos á Deputación hai uns dez anos e que deixou encamiñada o deputado Suso Soto antes de deixar o seu cargo no goberno provincial”.

 

 

Share.