A Copa Príncipe de volei arranca este venres pola mañá

0

Todo está preparado xa no Pavillón Municipal de San Sadurniño para a disputa da Copa Príncipe, máximo trofeo da división de prata do volei estatal. O CV Aldebarán San Sadurniño volve ser anfitrión do torneo por KO, ademais de firme candidato a arrebatarlle o título á Textil Santanderina, vencedora en 2024. A competición comezará ben cedo este venres -o primeiro partido arranca ás 9:30h-, poñendo así en marcha unha intensa fin de semana que culminará coa final do domingo ao mediodía. Quen non queira perder detalle poderá seguir os encontros a través das redes sociais do Aldebarán, ou ben acudir ao pavillón para animar a escuadra azul. Os prezos das entradas van por xornadas (cada unha son dous partidos): 5€ a media xornada, 10€ a xornada completa e 20€ o abono para todo o torneo (15€ as persoas socias). A rapazada menor de 18 anos entrará de balde.

A Real Federación Española de Volei sorteou os dous grupos das eliminatorias no mes de decembro, dando como resultado que no grupo A competirán o anfitrión, Intasa San Sadurniño; o líder do grupo B ligueiro, o Barça Voleibol e o segundo clasificado do grupo C UC3M Voleibol Leganés, mentres que no grupo B da Copa Príncipe estarán o líder do grupo A, a Textil Santanderina, o segundo clasificado do grupo ligueiro B, o CV Roquetes, e tamén o Servigroup Playas de Benidorm, que rematou a primeira rolda da liga na cabeza do grupo C.

San Sadurniño vivirá tres días de competición organizadas de maneira que durante o venres e a mañá do sábado se decidirán os catro equipos que pasan ás semifinais do sábado pola tarde, momento no que se enfrontará o segundo mellor clasificado do grupo A contra o primeiro do grupo B (17:30h). Ás 20:30h comezará o segundo partido, entre o líder do grupo A e o segundo do grupo B. Os dous gañadores disputarán o domingo ás 12:00h a gran final.

Esta será a cuarta vez que o torneo chega a San Sadurniño despois de celebrarse nos anos 2016, 2017 e 2021. En dúas das tres ocasións o equipo local proclamouse campión.

Equipos
Grupo A Grupo B
Intasa San Sadurniño Voley Textil Santanderina
Barça Voleibol Cv Roquetes
UC3M Voleibol Leganés Servigroup Benidorm

Horarios Fase Previa
Venres 10 xaneiro 09:30h Xornada 1 Grupo B: Voley Textil Santanderina – Cv Roquetes
Venres 10 xaneiro 12:00h Xornada 1 Grupo A: Intasa San Sadurniño – Barça Voleibol
Venres 10 xaneiro 17:30h Xornada 2 Grupo B: Servigroup Benidorm – Voley Textil Santanderina
Venres 10 xaneiro 20:00h Xornada 2 Grupo A: Intasa San Sadurniño – UC3M Voleibol Leganés
Sábado 11 xaneiro 09:30h Xornada 3 Grupo B: Cv Roquetes – Servigroup Benidorm
Sábado 11 xaneiro 12:00h Xornada 3 Grupo A: Barça Voleibol – UC3M Voleibol Leganés
Horarios Fase Final
Sábado 11 xaneiro 17:30h Xornada 4: Semifinal 2ºA – 1ºB
Sábado 11 xaneiro 20:00h Xornada 4: Semifinal* 1ºA – 2ºB
Domingo 12 xaneiro 12:00h Xornada 5: FINAL

*Se se clasifica a equipa organizadora xogará a segunda semifinal

Share.