A Compañía de Ópera Formigas estrea “Sen saída” na Casa da Cultura

0

A Compañía de Ópera Formigas, formada por 19 nenos e nenas de 5º de primaria do CPI de San Sadurniño, estreará este martes a obra musical “Sen Saída”, encadrado no proxecto LÓVA (A Ópera como Vehículo de Aprendizaxe). Despois de todo o curso traballando en todos os ámbitos da produción técnica, musical e escenográfica, a rapazada ofreceralle mañá pola mañá unha première ao resto do alumnado, mentres que o mércores ás 17:00h será a grande estrea para familiares. A obra reivindica a empatía, a comunicación e a amizade como ferramentas principais para superar problemas e resolver conflitos. Conceptos que, ademais, as cativas e cativos tiveron que poñer en práctica durante todo o curso -xunto con outras habilidades sociais- para sacar adiante o proxecto.

A estrea supón a culminación de meses de traballo nos que o alumnado asumiu a responsabilidade de armar unha compañía de ópera desde cero, encargándose de todas as tarefas necesarias para produciren a montaxe. Deste xeito, os rapaces e rapazas participaron na creación do libreto, na composición musical, no deseño da escenografía, no vestiario, na maquillaxe, na iluminación, na dirección artística, na publicidade e tamén na interpretación da obra.

“Sen saída” sitúa a acción nun museo naval que ben podería ser o de Ferrol, onde tres compañeiros e amigos quedan atrapados nunha sala que se encontra en reformas. A partir desa situación inicial, a historia desenvolve unha reflexión arredor da confianza, o tema central da proposta, e sobre a importancia dos vínculos persoais para afrontar as dificultades e atopar solucións compartidas.

Segundo explican desde a propia compañía, a tese que desenvolve o argumento xoga coa metáfora de entrelazar fíos, como representación das relacións que establecemos coas persoas nas que confiamos. Eses lazos son os que proporcionan seguridade, apoio e orientación nos momentos de incerteza, converténdose no elemento que permite aos protagonistas atopar unha saída á situación na que se atopan.

O proxecto permitiu que o alumnado desenvolvese competencias artísticas, comunicativas e organizativas nun contexto de aprendizaxe colaborativa no que cada participante desempeñou un papel específico dentro dunha compañía que mesmo tivo que buscar colaboracións e financiamento para o seu proxecto, cuberto en parte coa venda de chaveiros, cadernos, pulseiras, chapas e plantas durante a pasada Feira da Plantación.  O resultado é unha creación completamente orixinal que reflicte o esforzo, a creatividade e o compromiso das nenas e nenos implicados na iniciativa.

LÓVA (La Ópera como Vehículo de Aprendizaje) é un proxecto educativo de ámbito estatal promovido polo Teatro Real de Madrid e colaboración, no caso galego, da Consellaría de Educación. Nel utilízase a creación e produción dunha ópera orixinal como ferramenta pedagóxica. A través desta experiencia, na que o CPI local leva participando máis dunha década, o alumnado pon a andar desde cero unha compañía artística e asume diferentes responsabilidades, fomentando deste xeito habilidades como o traballo en equipo, a autonomía, a creatividade, a resolución de problemas, a comunicación e a educación emocional.

Share.