A comisión de festas de Naraío organiza un xantar popular o sábado 16

0

O 2024 volverá vir cheo de celebracións patronais despois de que o ano pasado o calendario festeiro do verán confirmase a recuperación pospandémica. Ferreira foi a parroquia máis madrugadora celebrando en xaneiro o San Vicente e xa hai comisións para a organización de Santa Isabel, en San Sadurniño, do San Pipote en Bardaos, do  Biscordel de Igrexafeita e tamén do San Roque de Naraío. Esta última organiza para o sábado  16 un xantar popular na pista polideportiva da Veiga que está a piques de pechar as reservas. De feito, este venres -máis ben esta fin de semana- é o último día para gardar sitio mercando os tíckets para unha comida abundante que irá precedida de sesión vermú e seguida trala sobremesa de máis música.  Ao final da nota incluímos os teléfonos aos que se pode chamar.

Segundo o programa que leva circulando varias semanas a través das redes sociais, o xantar da Comisión de festas de Naraío 2024, integrada por naturais da Casanova e A Fraguela, comezará sobre as 13:30h coa animación musical do Dúo D’Ases, que ofrecerá un primeiro pase antes de sentar á mesa a iso das 14:30h.

O menú xeral que se servirá a razón de 28€ por persoa está composto por callos, tenreira asada, ensalada, torta da avoa e xeada, viño, refrescos, auga e café. Ademais tamén hai menú infantil para a rapazada de 7 a 12 anos por un prezo de 12€ (menores de 7 anos non pagan) que levará pizza, tortilla, croquetas, nuggets de polo, torta da avoa e xeada, auga e refrescos.

Atendendo ao tempo cambiante que estamos tendo ás portas da primavera, o evento desenvolverase debaixo dunha grande carpa e promete prolongarse ata ben entrada a noite. Para que a cousa non vaia a menos, ademais do dúo, a comisión tamén ten chamado un picadiscos que estire a xornada todo o que queiran/poidan aguantar os corpos.

Para anotarse hai que chamar a algún dos seguintes teléfonos que figuran no cartel anunciador da cita:  676 011 515 (Alberto),  603 420 127 (Noemi), 697 725 117 (Alba), 627 933 617 (Belén) e 647 094 142 (Yoli). Os tíckets tamén se poden mercar na oficina da Cooperativa de Meirás en Naraío. Cómpre non demorarse, xa que este venres é o último día.

Share.