Desde Igrexafeita enviáronnos hai uns días os carteis de dúas actividades que van desenvolverse proximamente na parroquia. A primeira, o sábado 21 de xuño na polideportiva da Torre, será o xantar popular organizado pola comsión de ramistas deste ano a beneficio das festas do Biscordel. E a segunda proposta terá lugar no mesmo sitio á semana seguinte, o sábado 28, celebrando a sardiñada do San Xoán organizada pola Asociación de veciños Adiante. Para o xantar da festa hai que mercar tíckets nalgún dos establecementos colaboradores mentres que para a cea hai que reservar no 696 912 975 ou ao 650 484 580.
A comida organizada o día 21 pola comisión de festas do Biscordel 2025 irá precedida dunha sesión vermú que comezará ás 14:00 da man do DJ David. O picadiscos animará os momentos previos a un xantar que se servirá sobre as 15:00h, composto de polbo, tenreira asada, sobremesa, bebida, café e un licor.
Todo baixo unha carpa e preparado polo restaurante “O Paso” de Candamil, que xa o ano pasado deixou ben contentas e contentos aos comensais pola profesionalidade do servizo e, sobre todo, polo sabor e a abundancia dos pratos.
Os tickets poden adquirirse até o 18 de xuño na parrillada María Queira (Igrexafeita), no Bar Ferreira (A Chabola), no Bar A Roda (As Somozas) e na Taberna de Pancho (As Pontes). O prezo é de 35 € para persoas adultas, 16 € para crianzas entre 7 e 12 anos, e de balde para menores de 7.
Ao rematar o xantar, a celebración continuará cun espazo de xogos inchables para a rapazada e máis música a cargo do picadiscos DJ David. O evento organízao a Comisión de Festas do Biscordel, coa colaboración da AVV Adiante e de varios establecementos da zona.
Sábado 28 de xuño, sardiñada do San Xoán
Habida conta de que a comida da festa vai ser o 21, a asociación veciñal Adiante decidiu pasar para o sábado seguinte a celebración do San Xoán. Así, o día 28 a polideportiva situada ao pé do local social da Torre tamén acollerá a tradicional sardiñada veciñal.
O programa empezará ás 21:00h co espectáculo humorístico de clown, maxia e malabares Duendecirco, que despois lle dará paso a unha cumprida cea a base de sardiñas, liscos, chourizos, pan, bebida e sobremesa. As persoas socias de Adiante só terán que pagar 3€, mentres que as non pertencentes á entidade terán que aboar 8€, que segue sendo unha contía simbólica se temos en conta que ningunha persoa, por moi comedora que sexa, quedará con fame.
Para a sardiñada do San Xoán ai que anotarse antes do 25 de xuño, chamando ao teléfono 696 912 975 ou ao 650 484 580. A asociación de Igrexafeita tamén apunta neses mesmos teléfonos para ir de merendada ao San Cristovo de Ferreira, que se celebra o sábado 12 de xullo. No intre de redactar esta información aínda non tiñan definido o menú nin o prezo.
Lembramos que as comisións de festas e entidades que queiran publicitar os seus eventos no boletín Novas, na web municipal e nas redes sociais do Concello, só teñen que enviar a información -chega co cartel anunciador- ao enderezo electrónico concellodesansadurnino@gmail.com, ou ben como mensaxe ao Facebook.