“Galicia sabe a mar” é unha campaña da Xunta de Galicia nacida en 2021 para animar á cidadanía, a través da retranca galega e os dobres sentidos, a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor das persoas profesionais da pesca e do marisqueo. Durante este ano, a iniciativa levou o sabor das rías galegas por máis de 250 municipios de toda España vinculados ao Camiño de Santiago. En cada parada os visitantes puideron degustar algún dos 10 petiscos pensados para a campaña e realizados a base de produtos certificados do mar e da terra. A piques de rematar o verán, os catro furgóns-cociña preparados para ofrecer demostracións ao vivo de receitas e empratados están xa de volta para proseguir coa campaña de novo en Galicia. Unha destas foodtruck estacionará o domingo na praza do antigo Concello, ofrecendo degustacións gratuítas de 12:00 a 15:00h e de 18:00 a 21:00h.
Segundo informou a Xunta de Galicia, a campaña chegou a arredor de 230.000 persoas nas catro rutas que percorreron o Estado durante os últimos meses, co obxectivo de enxalzar a variedade e a calidade dos produtos do mar, así como a nosa gastronomía e o esforzo da xente que traballa neste sector.
Quen se achegue ao furgón que virá por San Sadurniño poderá degustar receitas elaboradas con peixes e mariscos, como por exemplo berberechos de Noia, bonito do norte ou o Mexillón de Galicia, combinados as máis das veces con froitos da terra da máxima calidade: legumes, mel, pementos, queixos, pan, patacas…
Deste modo, a campaña achegará, distintos pratos, entre os que se encontran os chocos con fabas de Lourenzá, navallas en zume de pemento de Herbón ou zamburiñas en escabeche con garabanzos. Petiscos moi saborosos que, ademais de ser exemplo da calidade dos produtos galegos, tamén testemuñan o gran labor que fan todos os días as mulleres e homes da cadea mar-industria.
O furgón-cociña de “Galicia sabe a mar” permanecerá este domingo 24 de setembro na praza do antigo Concello dándo a proba totalmente de balde destas o outras exquisiteces. E ademais farao en horarios moi axeitados: ao mediodía entre as 12:00h e as 15:00h e á tardiña de 18:00 a 21:00h.
Quen queira ampliar información pode consultar a web da campaña, onde tamén se temos á man un fantástico recetario con ingredientes e guía paso a paso para preparar cousas riquísimas con todo o que nos vén do mar e das nosas rías.