A calor volve marcar unha intensa Cronoescalada Sanrockeira

0

A IV Cronoescalada Sanrockeira reuniu este venres en Naraío a 55 participantes que asumiron o reto de completar no menor tempo posible os 3,39 quilómetros que separan o campo da festa da Veiga do lugar de Quintiá. A intensa calor que marcou toda a tarde converteu a ascensión nun desafío aínda maior para as persoas participantes, tanto nas modalidades de bicicleta de estrada e BTT como na carreira a pé, a primeira en saír e a que máis notou a forza do sol. O mellor tempo absoluto en bici de estrada estableceuno David Mayo completando o percorrido en 11 minutos e 18 segundos. Na modalidade de BTT, o máis rápido foi Iker Palmeiro, cun crono de 15:27, mentres que a vencedora feminina foi María Paz Gago -vencedora o ano pasado-, que cruzou a meta en 23:38. Na categoría de carreira a pé impuxéronse Anxo Meizoso (20:05) e Nía Franco (24:04), inaugurando deste xeito o podium  dunha modalidade competitiva incorporada este ano por primeira vez á Sanrockeira.

A proba, organizada polo club ciclista Biela e Chaveta e o Concello de San Sadurniño, coincidiu co primeiro día das festas do San Roque de Naraío e reuniu 38 participantes nas dúas disciplinas ciclistas e 17 na carreira a pé. Todas e todos afrontaron un percorrido cun desnivel de 297 metros, cun primeiro quilómetro relativamente doado e un ascenso practicamente continuo desde a volta do rego da Cernada ata a meta de Quintiá.

A alta temperatura foi unha das grandes protagonistas da tarde. A calor fixo especialmente esixente o tramo final da subida, onde se ganan máis de 250 metros de altitude en apenas dous quilómetros, obrigando a dosificar esforzos e facendo aínda máis dura unha proba xa coñecida pola súa dificultade. Tal é así que en Lourido, nun dos únicos puntos máis ou menos chans antes da recta final, funcionou constantemente unha mangueira para refrescarlles a subida a ciclistas e participantes na proba a pé.

A pesar das condicións, a competición desenvolveuse con total normalidade e nun ambiente festivo, con público animando en distintos puntos do trazado e especialmente en Lourido, onde había algo para petiscar e tamén bebidas frías.

Outra das novidades desta edición estivo nos premios, que substituíron os tradicionais trofeos por cestiños con produtos de proximidade: unha caixa de Maruxas de Nata e unha selección de elaboracións da Fusquenlla, incluíndo un paté de setas, améndoas e olivas de Manda Carballo, compota de mazá de Aires de Susi e marmeladas de arando e tomate de Ay! Carmen Conservas.  As clasificacións completas poden consultarse na web www.emesports.es.

Próxima cita: Ruta BTT Nocturna o 2 de outubro
O programa Sansa en Rodas, promovido polo Concello de San Sadurniño e Biela e Chaveta, pechará a edición deste ano coa Ruta BTT Nocturna, que se celebrará o venres 2 de outubro. A saída realizarase ás á noitiña desde o CPI de San Sadurniño e a actividade ofrecerá percorridos de diferente dificultade por pistas, camiños e corredoiras do municipio, poñéndolle así o ramo ao calendario ciclista desta tempada.

Share.