A busca de Ramiro Vega adentrarase máis nas Somozas e nas Pontes este mércores

0

Cara ás 20.30h. deste martes deuse por finalizada a terceira xornada de busca do home de Igrexafeita desaparecido o domingo. Os distintos equipos de rastrexo conformados maiormente por familiares e persoas voluntarias pescudaron a primeira hora os arredores do seu domicilio e volveron pasar pola zona da Alvariza (Igrexafeita), onde unha testemuña asegura telo visto o domingo ao mediodía. Ademais as cuadrillas tamén varreron sen resultado unha grande área da Penadeiriz e a Toca, seguindo un aviso que situaba a Ramiro Vega nas inmediacións da igrexa deste último lugar pertencente á parroquia de Recemel. Por aí continuarán os traballos de rastrexo na xornada deste mércores, coa previsión de avanzar máis ao norte polas Somozas e tamén polo territorio das Pontes, sen deixar por iso de insistir no entorno da Casatellada, onde Vega reside coa súa dona. O punto de encontro para planificar o día será o campo da festa da Toca ás 8.30h.

Sen resultados nas zonas máis próximas, agora trátase de ampliar o radio seguindo as dúas pistas principais e máis fiables das que se dispón até o momento. A primeira é a facilitada por un cazador que, segundo asegura, se cruzou con Ramiro a iso das 12.00h. do domingo na estrada que une os lugares da Ribeira e A Fervenza, en Igrexafeita. Segundo comentou a testemuña, o home de 81 anos camiñaba en dirección á Fervenza ou, quizais, á Pena da Meda, relativamente preto da Toca, lugar ao que apunta a outra pista coñecida onte mesmo.

Nela, outro veciño do lugar e bo coñecedor de Ramiro Vega, insistiu en que o vira ao pé da igrexa. Deu varios detalles coincidentes cos achegados polo cazador en canto á  indumentaria do desaparecido: camisa, gorro e un paraugas que a propia familia botou en falta xa o domingo. Un dato pouco coñecido que lle dá un plus de credibilidade á pista sobre o posible percorrido do octoxenario xa en terras das Somozas.

O que non lle cadra á Garda Civil nin tampouco á familia é a diferenza horaria, posto que este hipotético avistamento se tería producido, segundo as primeiras informacións que trasecenderon, o luns sobre as 9 da mañá, máis de 20 horas despois do momento en que Vega se cruzou co cazador. Demasiado tempo -cunha noite polo medio- para que Ramiro, un home fornido e de bo paso, completase os escasos cinco quilómetros de distancia que hai desde a súa casa até a Toca, a menos que estivese sufrindo un episodio de desorientación. E máis aínda se temos en conta que xa era moita a xente que o buscaba pola zona na tarde-noite do domingo.

En calquera caso, e ante a falla de resultados positivos no rastrexo das zonas de fraga do curso alto do río Castro, a Garda Civil non desbotou esa posibilidade e coordinou esta mañá dúas grandes batidas. A primeira delas ocupouse de volver revisar con máis detemento os arredores da Casatellada e parte dos montes até a Fervenza. A segunda comezou na Toca seguindo prados, plantacións forestais, vías de servizo e camiños paralelos á AG-64 pola Espariza, a Penadeiriz e mesmo ata Espiñaredo.

Nos labores volveu implicarse un equipo de cans de rescate da Garda Civil, Protección Civil, motoristas do SEPRONA e un grande número de persoas -arredor de medio cento- organizadas en pequenos grupos,  mentres que outras moitas continuaron revisando a título particular zonas de Igrexafeita, do Forgoselo, do Castro, os límites da escombreira de Endesa e lugares do concello da Capela desde Sande a esta parte. Esta mañá tamén se puido ver de novo pola zona o helicóptero da Benemérita, que fixo varias pasadas pola fraga cara ao mediodía cando regresaba dun operativo en Lugo.

Tras unha intensa tarde, a meirande parte das cuadrillas reagrupáronse preto das 20.00h. no campo da festa da Toca para intercambiar impresións e recibir indicacións sobre como se vai desenvolver o dispositivo do mércores, que se organizará nese mesmo lugar a partir das 8.30h. A Garda Civil ten intención de seguir ampliando o radio de busca por Recemel e polas Pontes, aínda que repasando de novo o entorno inmediato da Casatellada por se houbese nos arredores algún recuncho que quedase pendente de inspeccionar.

As horas pasan e, sen pistas contundentes, cada vez é máis difícil manter a raia o desánimo. Con todo, a familia non perde a esperanza e esta tarde, pouco antes de finalizar o dispositivo de busca, volveu agradecer o esforzo de toda a xente que teima en encontrar a Ramiro. Mañá será outro día.

Desde aquí volvemos insistir: se alguén viu a Ramiro Vega Díaz ou ten algunha pista que poida axudar a dar co seu paradoiro, que chame ao 112 ou ao 062.

 

Share.