A Biblioteca Municipal celebrará o Día do Libro cun certame que xunta fotografía e literatura

0

A Biblioteca Municipal de San Sadurniño convoca un concurso de fotografía co gallo do 23 de abril, Día do Libro, no que vai vincular a creación visual coa inspiración literaria. E é que o certame, do que xa se publicaron as bases, convida á veciñanza a partir de 12 anos a fotografar o concello acompañando a imaxe dun fragmento extraído dunha obra literaria existente que lle sirva de base ou contraste. As persoas interesadas en participar nesta simbiose entre paisaxe, patrimonio e letras poderán enviar as súas propostas desde o 1 de abril ata o próximo 23 de abril, ambos os dous incluídos.

O obxectivo da iniciativa é promover unha mirada persoal sobre o territorio de San Sadurniño, convidando a reinterpretar os seus recunchos a través do diálogo entre a imaxe e a palabra. Ademais tamén se pide que cada fotografía vaia acompañada obrigatoriamente do título dun libro e dun fragmento literario que complemente ou amplíe o seu significado. Deste xeito, procúrase poñer en valor a riqueza do municipio ao tempo que se fomenta a sensibilidade artística e o gusto pola lectura entre as persoas participantes.

As bases publicadas pola Biblioteca Municipal establecen que as imaxes deben ser orixinais, inéditas e centradas obrigatoriamente nun lugar do concello elixido libremente pola persoa autora. Cada participante poderá presentar unha soa fotografía, que deberá manter unhas proporcións de 3×2 ou 2×3 (cun tamaño mínimo de 15×10 ou 10×15 cm) e unha resolución de 300 píxeles por polgada.

O requisito fundamental é que a obra vaia acompañada do fragmento dun libro no que a imaxe estea inspirada, indicando claramente o seu título.

Para garantir a obxectividade, as obras presentaranse baixo pseudónimo. No caso de optar polo envío electrónico, as persoas interesadas deben dirixirse ao enderezo bbibliosansa@hotmail.com -si, bbibliosansa con dous “b” iniciais-, achegando un cartafol comprimido en .ZIP ou .RAR no que se inclúa a fotografía e o texto en formato PDF anonimizado, e outro arquivo diferente cos datos persoais e de contacto.

Se se prefire a entrega física, poderá facerse na propia Biblioteca Municipal dentro do horario habitual de apertura -luns, xoves e venres de 16 a 20:00h e martes de 17:00 a 20:00h-, entregando un sobre pechado que conteña, por unha banda, a foto co título e o texto literario e, por outra, un sobre tamén pechado cos datos da persoa autora.

O xurado, composto por tres profesionais ou persoas formadas no ámbito das artes plásticas e visuais, avaliará a orixinalidade, a execución técnica e a creatividade á hora de establecer a conexión entre a fotografía e o texto literario.

O fallo farase público o día 28 de abril e outorgaranse tres premios, consistentes en vales canxeables por libros e material. Como culminación deste concurso, as fotografías ganadoras xunto cos seus correspondentes fragmentos literarios exporanse no recibidor da Casa da Cultura.

Lémbrase que o prazo de admisión de traballos comeza este mércores 1 de abril e remata o xoves 23, coincidindo coa celebración do Día do Libro. O certame ofrécenos unha oportunidade fantástica para demostrar o noso talento fotográfico e tamén a afección pola lectura, poñendo en valor a beleza do noso concello a través das páxinas das nosas obras favoritas.

Bases do concurso

Share.