A Biblioteca Municipal celebra este martes o Día do Libro Infantil e Xuvenil co espectáculo “A Orixe” de Raquel Queizás

0

Neste mes de abril que acabamos de estrear hai dúas datas marcadas no calendario que teñen os libros como protagonistas. A máis importante é o 23, o día en que se lle rende tributo ao libro e aos escritores e escritoras, ademais de reivindicar a súa contribución á cultura e ao avance da sociedade. A outra é este martes, 1 de abril, día no que a IBBY -Organización Internacional para o libro xuvenil- estableceu unha xornada dedicada á literatura para a rapazada, por cadrar na data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. A Biblioteca Municipal de San Sadurniño organiza con motivo desta celebración o espectáculo “A Orixe”, que terá lugar na Casa da Cultura a partir das 11:00h coa asistencia das nenas e nenos máis pequenas da escola.

“A Orixe” é un espectáculo de narración oral, manipulación de obxectos e monicreques protagonizado por unha exploradora -Raquel Queizás- que chegará ao centro cultural para  compartir as historias escoitadas nas súas expedicións ao longo do mundo. Así, a exploradora dramatizará dun xeito “moi participativo”  diferentes lendas, contos e mitos, coa axuda dalgúns pequenos tesouros recollidos nas súas viaxes.

A proposta de Queizás é resultado dunha longa investigación e escolma de contos e lendas tradicionais provenientes de distintas culturas. Historias que, segundo a sinopse do espectáculo, teñen un dobre propósito, “por un lado, educar ás nenas e nenos máis novos (os contos están protagonizados por animais personificados que se debaten entre o uso da forza bruta e o emprego da intelixencia para a resolución dos conflitos). Doutra banda, moitas destas lendas buscan describir e explicar a orixe do mundo e o lugar que a humanidade ocupa nel, fomentando o respecto pola natureza”.

A Biblioteca Municipal de San Sadurniño convidou á rapazada máis pequena do CPI a que se una a esta viaxe de descubrimento das orixes do mundo “cando non existía nin o día nin a noite”. Comezará ás 11:00h no salón de actos da Casa da Cultura, tendo como público ao alumnado de Educación Infantil e de 1º de Educación Primaria no día en que retoman as clases tralas vacacións da Semana Santa.

“A Orixe” chega a San Sadurniño dentro do programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

biblios

Share.