A Aula CeMIT proponnos dous interesantes cursos para os primeiros meses de 2023

0

Durante os dous anos máis duros da pandemia produciuse, por necesidade, unha auténtica eclosión das comunicacións a través de Internet así como do uso do ordenador para comprar todo tipo de produtos e facer outras xestións. Neste sentido, a Aula CeMIT de San Sadurniño quere seguir capacitando a veciñanza, sobre todo a de máis idade, para que saiba manexarse ben coa banca electrónica e os trámites coas Administracións públicas. Por iso organiza os seguintes cursos, que se desenvolverán ao longo do primeiro cuadrimestre de 2023.

“Banca en liña e BIZUM”, do 10 de xaneiro ao 14 de febreiro: Neste curso veremos como utilizar con total seguridade a nosa tarxeta para facer pagamentos en tendas virtuais, así como os aplicativos dispoñibles para facermos operacións bancarias sen movernos da casa e as posibilidades que nos ofrece o sistema BIZUM para efectuar pagamentos entre particulares ou en establecementos. A acción formativa desenvolverase os martes en horario de 10:00 a 12:00h.

“Trámites dixitais coa Administración”, do 7 de marzo ao 18 de abril: A segunda actividade organizada pola aula ocuparase de mostrar os distintos sistemas de verificación da identidade que nos permitirán facer todo tipo de xestións coas Administracións públicas. Coñeceremos o Certificado Dixital, a Chave 365, o sistema CL@VE e os programas de sinatura electrónica, ademais de aprender como se solicitan e configuran. A este respecto cómpre lembrar que a relación a través da rede co Concello, a Deputación ou calquera organismo estatal é voluntaria cando se trata de particulares -aínda que é máis cómoda-, mentres que no caso de empresas e outras entidades privadas (clubes, asociacións, etc.) todos os trámites teñen que facerse obrigatoriamente por medios electrónicos. As sesións serán tamén os martes en horario de 10:00 a 12:00h.

Para anotarse en calquera destes dous cursos, ou nos dous, hai que contactar coa Aula CeMIT, situada no primeiro andar da Casa da Cultura, a través do teléfono/whatsapp 616 016 793 ou do correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.

Share.