A Aula CeMIT propón actividades relacionadas coa ofimática para os próximos dous meses

0

A Aula CeMIT de San Sadurniño proponnos dous interesantes cursos relacionados coa ofimática e a fotografía que nos serán de moita utilidade para escribirmos documentos ou para dixitalizar e organizar os nosos recordos. No mes que entra as actividades centraranse nunha introdución ao Libre Office Writer, mentres que en decembro explicaranse os pasos para escanear, tratar e gardar fotografías. O prazo de inscrición nestes obradoiros xa está aberto.

O LibreOffice é un potente paquete ofimático que nos permite escribir textos, crear presentacións, preparar bases de datos ou mesmo traballar con fórmulas e levar contas. A diferenza dos programas que hai no mercado -o paquete Office de Microsoft, principalmente- o LibreOffice é software de libre descarga que se pode instalar en calquera sistema operativo. Iso si, que sexa gratuíto non quita que poidamos contribuír ao seu desenvolvemento, ben sexa cunha pequena doazón económica ou desenvolvendo novas funcionalidades e melloras se é que sabemos programar.

O caso é que o LibreOffice é un conxunto de ferramentas que veñen nun paquete moi lixeiro e compatible con outros programas que fan o mesmo. De feito, desde os seus aplicativos poden abrirse a práctica totalidade de documentos xerados con software de pagamento e, ao revés, desde o LibreOffice podemos exportar documentos en formatos compatibles con esoutros programas incluídos no denominado “software propietario”.

De todo o potencial que ofrece o LibreOffice, a Aula CeMIT de San Sadurniño vai ocuparse desta vez só do procesador de textos LibreOffice Writer. Será os luns, mércores e venres do 7 ao 30 de novembro nun curso que se desenvolverá entre as 10 e as 12.00h. Carmen Suárez -responsable da aula- explicará como crear un documento, como darlle formato e como gardalo, ademais doutras funcionalidades e menús coas que conta o programa.

A seguinte acción formativa programada pola aula situada na Casa da Cultura ensinará a maneira de dixitalizar imaxes dun xeito sinxelo. Neste caso aprenderase a utilizar o escáner e a facer sinxelos retoques para mellorar as imaxes escaneadas. Ademais tamén se verá a maneira de pasar fotos do móbil ou da cámara fotográfica ao ordenador e como podemos facer con elas un album fotográfico para subilo a internet ou para imprimilo. Este curso desenvolverase os luns, mércores e venres entre o 12 e o 23 de decembro, tamén de 10 a 12.00h.

Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destes cursos -ou nos dous- abonda con pasar pola aula situada ao pé da biblioteca municipal, chamar ao 616 016 793 ou enviar un correo electrónico a cemit.sansadurnino@xunta.es.

Share.