A Aula CeMIT programa varias sesións para que as entidades aprendan a obter o Certificado Electrónico da FNMT

0

A Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, establece a obriga de que as asociacións de todo tipo se relacionen por vía electrónica co Concello e outros organismos, como son a Xunta, a Deputación ou o Estado. Dito doutro xeito: calquera solicitude ou trámite hai que facelo, si ou si, a través das respectivas sedes electrónicas ou dos aplicativos en liña que habiliten as Administracións. E para iso é necesario que a asociación ou clube dispoña dun certificado electrónico, que non é difícil de utilizar… aínda que a súa obtención si entraña certa complexidade. Por iso, para facilitarlles as cousas ás asociacións de San Sadurniño, a Aula CeMIT programou varios cursos presenciais nos que lles mostrará que pasos deben dar para obter o certificado electrónico, que trámites se poden facer na sede electrónica municipal e como darse de alta no sistema de notificación Notifica.gal para recibir a través del calquera aviso sobre trámites que teñan en marcha tanto co Concello como coa Xunta. 

A importancia de que as asociacións veciñais, culturais e deportivas do territorio dispoñan do certificado radica en que neste momento xa é obrigatorio utilizar os medios electrónicos para todo, tamén para as solicitudes e a xustificación posterior das convocatorias de subvencións para cultura e deportes.

Para poder facer trámites electrónicos é indispensable un certificado electrónico expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, que vén sendo un arquivo informático que debe estar instalado no ordenador para acreditar que quen presenta a solicitude o fai en nome da entidade á que representa. E aí vén a complexidade do asunto, xa que antes de obter ese certificado hai que ter ao día toda a información relativa aos cargos directivos, logo solicitar unha certificación no Rexistro de asociacións da Xunta conforme a entidade está anotada no rexistro e quen é a persoa que actúa como representante legal.

O anterior implica que, se houbo cambios nas directivas nos últimos anos, estes se encontren reflectidos nas actas  e que todas esas mudanzas tamén figuren no arquivo do Rexistro. Polo tanto, se non se comunicaron as modificacións no seu momento, haberá que facelo antes de nada e, de paso, acreditar a representación da persoa que se encargará de todos os trámites electrónicos.

Unha vez que toda a información estea ao día, o Rexistro facilitaranos unha certificación de inscrición da asociación e outro da persoa representante, que será a que despois deberá facer a petición formal do certificado dixital a través da web da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre seguindo catro sinxelos pasos -sempre e cando se teñan coñecementos avanzados de informática- que consisten na instalación dun programa no ordenador, a solicitude propiamente dita (coa que recibiremos no correo un número co código de solicitude), a acreditación da identidade (hai que pedir cita na Axencia Tributaria e ir persoalmente levando a documentación e o código de solicitude) e, finalmente, a descarga do certificado no mesmo ordenador desde o que se fixo a petición. Toda a operación ten un custe de 14 euros -impostos non incluídos- ademais das voltas que haberá que dár indo ao Rexistro de asociacións e á oficina de Facenda.

Alén de todas estas cuestións administrativas e técnicas, relacionarse correctamente coas Administracións públicas tamén esixe unha certa competencia dixital para manexarse ben cos rexistros electrónicos. Por esta razón a Aula CeMIT ofrece un servizo de formación personalizada e presencial dirixido ás entidades sociais de San Sadurniño que programou citas itinerantes polos locais de todas as parroquias durante este mes de outubro e o de novembro, complementadas coa atención na propia aula da Casa da Cultura. Estas sesións desenvolveranse en horario de 10:00 a 13:00h nos seguintes días e lugares:

  • San Sadurniño: 4, 22 e 29 de outubro e 19, 26 e 29 de novembro
  • Ferreira: 5 de outubro e 2 de novembro
  • Bardaos: 8 de outubro e 5 de novembro
  • Lamas: 15 de outubro e 12 de novembro
  • Santa Mariña: 18 de outubro e 15 de novembro
  • Naraío: 19 de outubro e 8 de novembro
  • Igrexafeita: 25 de outubro e 22 de novembro

A Aula CeMIT está contactando con todos os colectivos do municipio para informalos desta convocatoria, que ademais tamén ofrece asesoramento telefónico no 616 016 793 ou por videoconferencia. Para acudir aos encontros -ou para solicitar atención presencial na Casa da Cultura- é necesario pedir cita a través dese mesmo teléfono ou enviarlle un correo a cemit.sansadurnino@xunta. gal.

Ademais de ver a maneira de obter o certificado electrónico da FNMT a formación tamén inclúe un repaso das opcións que ofrece a sede electrónica do Concello e como darse de alta no sistema Notifica.gal da Xunta de Galicia, a través do que se poden recibir notificacións electrónicas da Administración autonómica e do Concello coa mesma validez que se chegasen por correo certificado.

Share.