A Aula CeMIT de San Sadurniño ten programado para a segunda metade deste mes un obradoiro moi interesante no que poderemos iniciarnos no mundo da impresión 3D. Así, os días 18, 19, 25 e 26 de xuño -de 11:00 a 13:00h- aprenderemos a utilizar unha tecnoloxía que non para de avanzar e que nos permite fabricar na casa todo tipo de obxectos: desde figuriñas a escala ata utensilios de uso diario ou mesmo pezas para montar aparellos ou substituír outras estragadas e difíciles de conseguir no mercado. Ademais, arredor da impresión 3D existe unha grande comunidade colaborativa que comparte planos, coñecementos e métodos, dos que se pode tirar proveito tanto para desenvolver a creatividade como para aumentar a produtividade no día a día. Para participar no curso é preciso apuntarse a través do correo cemit.sansadurnino@xunta.gal ou chamando ao teléfono 616 016 793.
Na actividade veremos como manexar unha impresora 3D de maneira práctica e entretida, partindo dunha introdución completa a esta ferramenta innovadora que leva anos entre nós e que segue perfeccionándose a gran velocidade. E é que a impresión 3D penetrou en múltiples ámbitos como a enxeñaría, a arte, o fogar e incluso a medicina.
As persoas que participen neste obradoiro poderán aprender a deseñar e crear obxectos tridimensionais, abrindo así novas portas tanto a nivel creativo como profesional. A práctica que se adquirirá será especialmente útil para quen queira afondar nesta tecnoloxía, cada vez máis sinxela e accesible.
Non hai demasiado tempo facían falla coñecementos avanzados para modelar no ordenador o obxecto que se quixese imprimir e para configurar os parámetros do aparello. Porén, agora hai programas que calquera pode dominar cun nivel informático básico e no mercado atopamos impresoras 3D que van desde os pouco máis de 150 euros, ideais para comezar, ata os 700 ou 800 euros -e máis-, con prestacións profesionais que destacan pola súa velocidade e precisión.
Agora ben, se alguén ten interese pero prefire probar antes de facer ningún gasto, debe saber que a Aula CeMIT de San Sadurniño pon ao dispor da veciñanza un servizo gratuíto de impresión, con dúas impresoras ENDER 3. Para facer uso delas, hai que contactar previamente coa aula por teléfono ou whatsapp. É necesario ter alta na Rede CeMIT —un proceso sinxelo e totalmente gratuíto—, ademais de achegar o ficheiro dixital co deseño e o filamento PLA necesario para a impresión.
Para obter máis información sobre este servizo ou reservar praza no curso de impresión 3D, pódese chamar ou enviar unha mensaxe ao 616 016 793. Tamén se pode escribir ao correo electrónico cemit.sansadurnino@xunta.gal.
A acción formativa desenvolverase os días 18, 19, 25 e 26 de xuño en horario de 10:00 a 13:00h e, recordamos, é totalmente gratuíto. Cómpre bulir a inscribirse, posto que as prazas son limitadas.