A Aula CeMIT ofrece dous obradoiros para que a rapazada experimente coa tecnoloxía

0

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) dous obradoiros prácticos arredor da tecnoloxía no marco da iniciativa Girl STEAM. Trátase de impulsar actividades desde idades temperás dirixidas a rapazas e rapaces para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (acrónimo inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas). Un obxectivo que se pretende conseguir por medio de sesións onde aprender e practicar de cara a fomentar o talento e espertar vocacións tecnocientíficas. Estes obradoiros desenvolveranse en grupos os días 4 e 5 de xullo na Aula CeMIT de San Sadurniño. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese contactar coa aula en cemit.sansadurnino@xunta.gal ou no teléfono 616 016 393. A proposta é gratuíta e só oferta 10 prazas para cada xornada.

A primeira das sesións, a que se desenvolverá o 4 de xullo de 10 a 13:00h, está pensada para nenas e nenos de 8 a 11 anos. Iniciarán a xornada cunha pequena introdución á técnica de animación stop-motion e, deseguido, poranse ao labor por equipos para produciren a súa propia peza, coa particularidade de que empregarán un circuíto de luces led deseñado por elas e eles mesmos.

O circuíto será a base para o guión e para a construción dunha historia visual contada fotograma a fotograma, igual que os debuxos animados, que cumprirá montar na parte final do obradoiro para ver o resultado e presentar o traballo.

O segundo obradoiro tamén terá lugar na Aula CeMIT -no primeiro andar da Casa da Cultura- o 5 de xullo entre as 10:00 e as 13:00h. Neste caso vai dirixido a mozas e mozos de 12 a 15 anos coa misión de traballaren en grupos programando sensores Arduino. Os dispositivos han de configurarse para que sexan capaces de reaccionar a cambios de distancia, luz e inclinación dunha prenda téxtil.

Ambas actividades encádranse no programa Girl Steam da AMTEGA, que ten como obxectivo motivar as vocacións tecnolóxicas entre a cativería, tendo como guías a profesionais de recoñecido prestixio en cada campo e, neste caso,  enxeñeiras e enxeñeiros que forman parte do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia.

Para participar nos obradoiros é necesario inscribirse  na Aula CeMIT de San Sadurniño, a través do móbil/whatsapp 616 016 793 ou enviando un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal. En cada un deles ofértanse un máximo de 10 prazas.

 

Share.