A Área de Igualdade preséntalle este xoves ás entidades o IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de San Sadurniño

0

San Sadurniño encara os últimos días de marzo nos que se lles porá o ramo aos actos organizados con motivo do Día Internacional da Muller. Desde o sábado estará aberta ao público no recibidor Casa da Cultura a exposición de collages creados no obradoiro de Tempos para compartir que dirixiu o pasado día 11 a fotógrafa e artista local Tamara Villar Painceira. A mostra poderá visitarse até mediados de abril nos horarios de atención ao público do centro cultural. Ademais, durante esta semana hai outras dúas citas: a presentación ás entidades do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de San Sadurniño e a proxección do documental de Antón Caeiro “Eu tamén necesito amar”.

A presentación do IV PIOMH de San Sadurniño terá lugar na Casa da Xuventude o xoves a partir das 19:00h. Durante a sesión repasarase o contido do documento aprobado en pleno o pasado 26 de xaneiro e, principalmente, as estratexias e recomendacións propostas para continuar avanzando en Igualdade cunha implicación activa de todo o tecido social.

O cuarto plan de Igualdade  terá unha vixencia de catro anos e  estrutúrase en catro grandes liñas que se traducen en obxectivos concretos e, dentro deles, accións que se deben poñer en marcha para acadalos, así como o compromiso de achegarlles financiamento. As principais epígrafes refírense á necesidade de proseguir coa integración da perspectiva de xénero en todos os ámbitos da Administración municipal, a promoción do empoderamento feminino e a participación da muller na vida social e política, o desenvolvemento de medidas que favorezan a conciliación relacionada tanto con fillos e fillas como co coidado de persoas maiores e dependentes e, por último, o reforzo de todas aquelas actuacións que axuden a erradicar calquera forma de violencia de xénero.

No encontro programado para o serán do xoves -ao que se convidou a todo o tecido asociativo do municipio- tamén se entregarán guías sobre o uso dunha linguaxe non sexista  (para que as entidades a leven á práctica en carteis e na súa comunicación escrita e en redes sociais) e, en colaboración co grupo de facilitadoras do proxecto O Lavadoiro, elaborarase un decálogo de intervención e prevención de violencias machistas na organización de eventos.

O sábado, exposición de collages e pase do documental “Eu tamén necesito amar”
Os actos principais do Día da Muller celebraranse durante a tarde deste sábado 25 de marzo na Casa da Cultura. Ás 17:00h inaugurarase a mostra con todas as obras realizadas no obradoiro “Tempos para compartir” organizado o pasado 11 de marzo pola área de Igualdade co gallo do #8M.

Trátase de cadros con lemas e deseños feitos mediante a técnica do collage, que se elaboraron coa axuda da fotógrafa e artista visual Tamara Painceira Villar (Tam/Inercia Inesperada). A propia Villar montará a exposición e promoverá un pequeno debate arredor da mostra con participación das autoras que estará centrado na intencionalidade e o significado de cada cadro.

A última das propostas co gallo do 8 de Marzo programouse para este as 19:00h tamén na Casa da Cultura, coa proxección do documental Eu tamén necesito amar dirixido por Antón Caeiro.

A peza, da que se puido ver unha pequena mostra na segunda edición do Chanfaina Lab (daquela o documental aínda estaba empezando a gravarse) trascende a reflexión dos roles femininos durante o franquismo para analizar a represión da liberdade afectiva da muller por parte do Estado, quen usou como principal ferramenta o fanatismo ultracatólico da Sección Feminina e da propia Igrexa afín ao réxime.

Antón Caeiro participará na presentación do filme -que conta cos testemuños de varias mulleres de San Sadurniño- e tamén na mesa de debate que se abrirá xusto despois da proxección. O pase é con entrada libre.

Share.